Xunta e Concello de Ortigueira avanzan en novas vías de colaboración para impulsar o sector pesqueiro e a cultura mariñeira
Durante a reunión abordouse o impulso da actividade marisqueira na ría, a recuperación do histórico Mercado Mariñeiro e o apoio á Xornada Mariñeira.
A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e coa concelleira de Turismo, Joaquina Piñeiro, no que se abordaron distintas liñas de colaboración para impulsar o sector pesqueiro e poñer en valor a tradición e a cultura mariñeira do municipio.
Durante a reunión analizáronse diferentes asuntos de interese para Ortigueira, entre eles o impulso da actividade marisqueira nas augas da ría de Ortigueira, a recuperación do histórico Mercado Mariñeiro e o apoio á celebración da Xornada Mariñeira vinculada á práctica do remo e das traiñeiras.
O encontro permitiu avanzar na procura de vías de cooperación entre ambas as administracións co obxectivo de reforzar a promoción dos produtos locais, apoiar o tecido produtivo e contribuír á conservación e difusión da identidade marítima de Ortigueira e da comarca.
A titular do Mar trasladou a disposición da Xunta a continuar colaborando co Concello e co tecido produtivo local en iniciativas destinadas a favorecer a dinamización socioeconómica e deportiva do municipio, dando continuidade ao apoio económico prestado polo departamento autonómico en edicións anteriores.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, valorou positivamente o encontro e destacou que «esta reunión permítenos seguir avanzando en proxectos que teñen unha incidencia directa no presente e no futuro de Ortigueira. O sector pesqueiro e a nosa cultura mariñeira forman parte da nosa identidade e tamén representan unha oportunidade para xerar actividade, atraer visitantes e apoiar os nosos produtores e entidades».
Desde o Concello considérase que este tipo de encontros permiten reforzar a coordinación institucional e sentar as bases para novos proxectos vinculados ao mar, combinando a promoción económica e turística coa conservación da tradición e do patrimonio mariñeiro de Ortigueira.