Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira e Augas de Galicia activan tres estacións de bombeo para levar a rede de saneamento a 300 vivendas en Senra e Cuiña

As novas infraestruturas permiten poñer en marcha o servizo de rede pública de augas residuais en sendas parroquias tras a sinatura do convenio de colaboración entre a administración autonómica e o goberno local.

O Concello de Ortigueira poñerá en funcionamento tres estacións de bombeo de augas residuais situadas nas parroquias de Senra e Cuiña, unha medida que permitirá dotar de servizo de saneamento municipal a arredor de 300 vivendas da zona. A entrada en marcha destas instalacións efectúase en virtude do convenio de colaboración subscrito entre o Concello e o organismo autonómico Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, orientado á mellora dos servizos básicos e á protección ambiental das contornas rurais do municipio.

Coa posta en servizo destes tres bombeos, o equipo de goberno dá resposta a unha demanda da veciñanza de Senra e Cuiña, asegurando un tratamento adecuado das augas residuais e integrando estas zonas residenciais na rede xeral de colectores. A actuación conllevou a revisión técnica das canalizacións, a verificación dos equipos electromecánicos de impulsión e a preparación do sistema para o enganche definitivo das acometidas domiciliarias.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, salientou o impacto directo que esta medida terá na calidade de vida dos veciños e veciñas de ambas as parroquias e na conservación da contorna natural. “A entrada en funcionamento destes tres bombeos supón un avance fundamental na modernización dos servizos públicos do noso rural, garantindo que unhas 300 familias dispoñan por fin duna rede de saneamento eficiente, segura e respectuosa co medio ambiente”, afirmou o rexedor ortegán.

Así mesmo, Valentín Calvín quixo poñer en valor a cooperación entre administracións para sacar adiante proxectos de infraestruturas esenciais no municipio. “Grazas á colaboración mutua con Augas de Galicia e ao traballo continuo do Concello, seguimos dando pasos firmes para reducir a fenda de servizos entre o núcleo urbano e as parroquias, priorizando aquelas investimentos que melloran o día a día da nosa veciñanza”, concluíu o alcalde.

Back to top