Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira: “A chegada do HADO é unha das noticias máis importantes dos últimos anos”
O rexedor ortegano celebra que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciase onte a entrada en funcionamento do servizo de hospitalización a domicilio na vila, que arrancará en outubro.
O Concello de Ortigueira é un dos máis comprometidos coa sanidade de toda a provincia, poñendo en marcha iniciativas pioneiras como o SEETA ou o servizo de podoloxía a domicilio.
A chegada do HADO súmase a outros avances en materia sanitaria acadados durante o mandato de Calvín, como por exemplo a sala de raios X do centro de saúde.
O anuncio de onte do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sobre a entrada en funcionamento da Hospitalización a Domicilio en Ortigueira a partir de outubro marca un fito na atención sanitaria da comarca. A medida atende de forma directa a solicitude formal que a corporación local, co rexedor Valentín Calvín e a concelleira de Sanidade Ana Cartelle á fronte, trasladara a principios de ano á Xunta de Galicia para conseguir estender esta prestación de nivel hospitalario ao municipio. Con esta medida, o equipo médico desprazado permitirá aos pacientes recibir tratamentos complexos e ingresarse de xeito efectivo nos seus propios domicilios, evitando os continuos desprazamentos de case unha hora cara ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
O alcalde ortegano, Valentín Calvín, celebrou a noticia sinalando que a chegada do HADO é “unha das noticias máis importantes dos últimos anos para a vila”. Calvín afirmou que desde o equipo de goberno asumiron o compromiso firme de esixir “unha atención sanitaria pública acorde ás necesidades do rural”. O rexedor recalcou que “poder recibir coidados médicos de nivel hospitalario sen saír de casa vai transformar de maneira radical a calidade de vida da veñanza de máis idade, así como a das súas familias e coidadores”.
“Dito e feito”, resume Calvín a promesa adquirida polo seu goberno e pola consellería de Sanidade a inicios de ano, remarcando que “cousas así son o mellor da política e o que te axuda a levantarte para seguir ao pé do canón cada día, porque ves que podes mellorar de forma substancial a vida dos teus veciños”.
Ortigueira, á fronte dos avances sanitarios
A incorporación desta unidade sanitaria reforza a traxectoria do Concello de Ortigueira como un dos municipios da provincia da Coruña máis volcados na inversión e implantación de recursos asistenciais propios. Neste sentido, a vila puxo en marcha iniciativas pioneiras como o Servizo de Estimulación Terapéutica de Alzheimer e outras demencias (SEETA) ou o servizo municipal de podoloxía a domicilio, dirixido a atender as persoas con mobilidade reducida e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. “Estas iniciativas son exemplos do moito que nos importa a saúde dos nosos veciños e veciñas”, subliña o primeiro edil.
Sobre estas actuacións, Valentín Calvín explicou que para o Concello a atención á saúde debe entenderse desde a proximidade. O primeiro edil subliñou que iniciativas como a podoloxía a domicilio ou o SEETA naceron para evitar que a dispersión xeográfica ou os problemas de autonomía personal supoñan unha barreira de acceso aos servizos básicos. Así mesmo, o rexedor defendeu que as administracións locais deben actuar para que a asistencia médica chegue alí onde cada veciño o precise.
A entrada en funcionamento do servizo de HADO súmase a unha lista de avances en materia sanitaria acadados durante o actual mandato de Calvín. Entre as melloras máis destacadas figura, entre outras, a posta en marcha da sala de raios X no centro de saúde da localidade, unha infraestrutura que xa permitiu axilizar os diagnósticos locais e reducir os traslados da veñanza.
O alcalde concluíu asegurando que a incorporación da radioloxía e agora da Hospitalización a Domicilio demostra que o traballo constante ante as institucións dá os seus froitos. Calvín remarcou o seu agradecemento á Xunta e engadiu que a corporación municipal continuará colaborando de forma activa co organismo autonómico e defendendo a sanidade pública para dotar o municipio e a comarca do Ortegal dos equipamentos e a atención que merecen.