O Concello de Ortigueira celebra a chegada da sinal de TDT a Loiba e Devesos tras 15 anos de espera
A instalación de dous novos repetidores devolve a cobertura televisiva a centos de veciños que carecían deste servizo básico desde o apagón analóxico do ano 2011.
O Concello de Ortigueira celebra a posta en marcha de dous novos repetidores de telecomunicacións nas parroquias de Loiba e Devesos, unha actuación que permite reestablecer a sinal de televisión dixital terrestre para centos de residentes de ambos os dous núcleos rurais. Coa entrada en servizo destas infraestruturas ponse fin de xeito definitivo a un problema histórico que arrastraban desde o ano 2011, data na que o apagón analóxico a nivel estatal deixou sen cobertura a estas zonas sen que se executase daquela a adaptación técnica necesaria.
A ampliación da cobertura da TDT e o despregamento da rede de repetidores son competencias que corresponden á administración autonómica, a través do operador público Retegal, e ao Goberno central no marco da planificación estatal de telecomunicacións. Ante os quince anos de inactividade que mantiveron desatendidas a estas dúas parroquias, o Concello de Ortigueira asumiu un papel proactivo de interlocución, seguimento e impulso ante os organismos responsables para elixir unha resposta inmediata a unha carencia que se volvera inasumible para a poboación local.
Desde a chegada do actual equipo de goberno, liderado polo alcalde Valentín Calvín, a resolución deste illamento de sinal converteuse nuhna das prioridades da xestión municipal.
O rexedor de Ortigueira destacou a insistencia do goberno local para desbloquear un expediente que levaba tres lustros paralizado. “Desde o primeiro momento en que fomos conscientes da gravidade desta situación, puxémonos a traballar de forma firme ante os organismos competentes para esixir que se atendese esta demanda histórica. Resultaba incomprensible e inadmisible que centos de veciños de Loiba e Devesos levasen 15 anos sen un servizo tan básico como a televisión nos seus fogares, polo que centramos os nosos esforzos en axilizar todos os trámites necesarios para que a solución fose hoxe unha realidade”, manifestou o alcalde.
Amesmo, o rexedor quixo expresar o agradecemento institucional aos veciños e veciñas destas parroquias pola súa actitude durante este período e pola súa colaboración decisiva na fase final dos traballos. “Queremos dar as grazas aos veciños de Loiba e Devesos pola paciencia demostrada ao longo deste longuísimo camiño. De forma moi especial, queremos poñer en valor a total predisposición e xenerosidade de María Amparo Manciñeira Pérez e a familia Caínzos Borbén, que facilitaron o uso de terreos privados para a localización dos repetidores”.
Deste xeito, Calvín avisa aos veciños e veciñas residentes nestas parroquias que resintonicen o seu televisor para poder gozar da TDT.