O Concello de Ortigueira mellora a escola infantil para o inicio de curso.
Os traballos, financiados a través dun convenio de colaboración co organismo autonómico, incluíron a renovación do chan interior, a adquisición de novos xogos e o pintado do muro exterior.
O Concello de Ortigueira completou durante o mes de agosto diversas actuacións de mellora e posta a punto na Escola Infantil A Galiña Azul, situada na Rúa Márquez Cortiñas. Estas intervencións foron posíbeis grazas ao convenio de colaboración suscrito co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, entidade dependente da Xunta de Galicia que achega a financiación das obras de acondicionamento do centro.
Entre os labores acometidos destaca a renovación completa do pavimento interior en varias estancias do inmoble, o que garante unha maior seguridade e confort para o alumnado de 0 a 3 anos. De forma complementaria, as aulas e instalacións equipáronse con novos materiais de xogo e equipamento recreativo destinados ao desenvolvemento pedagóxico dos menores.
As actuacións completáronse na zona exterior da escola cos traballos de adecentamento e pintado do muro perimetral e os zócalos do recinto.
Ademais, as obras realizáronse no período estival para non entorpecer a actividade normal do centro.