Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira destina 2,6 millóns de euros en tres anos á mellora das pistas municipais

O esforzo investidor responde ao compromiso do Concello de mellorar o estado das vías e dar resposta a unha das principais necesidades de mantemento do municipio.

O investimento, que ascende a 2.602.567,66 euros, non inclúe as actuacións executadas en pistas forestais.

O Concello de Ortigueira destinou 2.602.567,66 euros durante os tres primeiros anos de mandato á mellora e renovación das pistas municipais, con actuacións dirixidas a mellorar o estado de numerosas vías secundarias e reforzar a seguridade e as condicións de circulación en distintos puntos do municipio. Esta cifra representa o maior investimento en melloras de pistas nunha lexislatura na historia do Concello, acadado en tres anos de lexislatura.

Este investimento responde a unha das prioridades identificadas polo goberno municipal desde o inicio da lexislatura: dar unha resposta progresiva ás deficiencias que presentaban numerosas pistas e mellorar unhas infraestruturas que teñen un impacto directo na mobilidade e na vida cotiá dos veciños e veciñas.

O esforzo económico realizado nestes tres anos permitiu acometer actuacións de mellora en diferentes vías do termo municipal, avanzando na renovación dunha rede viaria especialmente extensa e que require un investimento continuado para garantir o seu adecuado mantemento.

Ademais, os 2,6 millóns de euros contabilizados non inclúen as actuacións realizadas en pistas forestais, polo que o investimento total destinado durante este período á mellora das vías do municipio é aínda superior.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destaca que «desde o Concello eramos moi conscientes, desde o inicio deste mandato, dos problemas que xeraba o mal estado de moitas das pistas do municipio. Por iso decidimos abordar esta cuestión cun investimento importante e sostido, porque o estado destas infraestruturas ten un impacto directo no día a día dos nosos veciños e veciñas».

Calvín subliña que «avanzamos moito nestes tres anos, pero aínda queda traballo por facer. Seguiremos destinando recursos a mellorar as pistas e a dar resposta ás necesidades que existen nas distintas parroquias do municipio».

Back to top