Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira pecha unha exitosa tempada de verán nas súas praias

Os areais do municipio non rexistraron incidencias de gravidade durante o período estival.

Os dispositivos de seguridade e atención garantiron un verán tranquilo e seguro para veciños e visitantes.

A tempada de verán de 2026 chega ao seu fin nas praias do Concello de Ortigueira cun balance positivo. Durante os meses estivais, os areais do municipio recibiron veciños e visitantes que puideron gozar das súas xornadas de praia con normalidade e sen que se rexistrasen incidencias salientables.

Este resultado foi posible grazas ao traballo desenvolvido polos equipos de salvamento e socorrismo, Protección Civil, Policía Local e o resto de profesionais implicados no dispositivo de seguridade e atención nas praias, cuxo compromiso e dedicación permitiron garantir unha tempada tranquila e segura.

Segundo os informes realizados polos equipos de socorrismo das praias de Morouzos e A Concha, entre os dous areais contabilizáronse un total de 73 intervencións de primeiros auxilios ao longo da tempada, 43 delas en A Concha e 30 en Morouzos. De todas elas, unicamente se rexistrou unha operación de rescate complexa en toda a tempada.

Un dos momentos destacados do verán foi a eclipse solar total do pasado 12 de agosto, un acontecemento que atraeu numerosos visitantes ata o municipio de Ortigueira. Con motivo do fenómeno, o Concello puxo en marcha un dispositivo especial destinado a garantir que todas as persoas asistentes puidesen gozar do acontecemento astronómico de maneira ordenada e segura.

Co peche da tempada, o pasado día 15 de setembro procedeuse ao arriado das bandeiras correspondentes á Bandeira Azul e á distinción “Praias sen fume”, dous recoñecementos que poñen en valor o compromiso do Concello de Ortigueira coa calidade dos servizos, a protección da contorna e o benestar de quen goza dos seus areais.

O Concello agradece o traballo e a colaboración de todas as persoas e equipos que contribuíron ao bo desenvolvemento da tempada estival e destaca a importancia de seguir traballando para manter e mellorar a calidade e seguridade das praias do municipio de cara aos próximos anos.

 

Back to top