Preto de 50 alumnos e alumnas clausuran outra edición máis da Universidade Sénior de Ortigueira
- O Teatro da Beneficencia acolleu onte o acto de clausura deste novo programa de democratización do coñecemento impulsado pola UDC e o Concello, co financiamento da Xunta.
- O alumnado, persoas maiores de 50 anos, formouse en tres módulos sobre patrimonio social e cultural, medioambiente e sustentabilidade e saúde e benestar.
- Juan Penabad destacou “a boa acollida que ten este programa entre a veciñanza de Ortigueira, aumentando ano a ano as persoas rexistradas”.
Na tarde de onte, luns 30 de maio, o Teatro da Beneficencia serviu como escenario para a clausura da segunda edición da Universidade Sénior de Ortigueira, na que participaron 45 persoas maiores de 50 anos e que consolida ao municipio como polo formativo da comarca.
Asistiron á clausura deste novo programa de democratización do coñecemento da Universidade da Coruña (UDC) o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras; a directora da Unversidade Sénior, Matilde García Sánchez; e o concelleiro de Educación e Cultura, Juan Cao.
Durante o acto realizouse unha entrega de diplomas aos alumnos e alumnas participantes nesta edición, que estivo precedido dunha sesión especial, ás 17 horas, coa conferencia ‘Cinema e creatividade para séniores’, a cargo de Domingo D. Docampo e Manolo Gómez.
Juan Penabad destacou “a boa acollida que está a ter a Universidade Sénior entre a veciñanza de Ortigueira, contando cada ano cun maior número de persoas rexistradas”. “Estas actividades fomentan algo moito máis importante e vital nos tempos que nos tocou vivir, as relacións sociais, das que estamos moi necesitados e necesitadas despois do que todas e todos xa sabemos”, reflexionou.
O rexedor agradeceu á UDC “que pense en Ortigueira como unha das localización desta iniciativa” e á “dirección e ou equipo docente da Universidade Senior polo excelente traballo de coordinación e dirección así como polo acerto nas materias elexidas este ano”. O proxecto está organizado pola UDC coa colaboración do Concello e conta con financiamento da Xunta de Galicia.
Un programa máis ambicioso
O proxecto contou con sesións teóricas dous días da semana no Teatro da Beneficencia, e con sesións prácticas, impartidas polo profesorado da Universidade da Coruña.
O programa constou de tres módulos, o primeiro deles sobre patrimonio social e cultural, dentro do que se recolleron clases sobre lingua e literatura galega, arte contemporánea, arquitectura antiga e unha visita cultural pola zona. O segundo centrouse no medioambiente e sustentabilidade, no que se trataron temas como enxeñería e tecnoloxía ambiental, agronomía do mar e terrestre e realizouse unha excursión ao campo na zona.
Por último, levou a cabo un terceiro módulo sobre saúde e benestar, con formacións acerca de estratexias para coidadores e coidadoras de persoas en situación de dependencia, educación para a saúde e unha sesión práctica de exercicio terapéutico.