Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A elite do ciclismo dáse cita en Ortigueira para a primeira etapa da XIX Volta á provincia da Coruña

  • O encontro arrincou esta mañá no paseo do Malecón, nun acto ao que asistiu o alcalde de Ortigueira, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, o presidente da Pena Ciclista Santa Marta e representantes de ACO Ortigueira.
  • A proba desenvolverase ata as 16:15 horas, aproximadamente, e nela participan 19 equipos ciclistas.

A XIX edición da Volta ciclista á provincia da Coruña arrincou esta mañá no paseo do Malecón de Ortigueira. Nesta primeira etapa, os ciclistas dos 19 equipos participantes percorrerán un itinerario de 136,4 quilómetros que finalizará de novo no punto de comezo.

O corte da cinta inaugural da proba foi realizada polo alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, que estivo acompañado do concelleiro Juan Cao, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Nieto, o presidente da Pena Ciclista Santa Marta, José Vicente Aguiar e María Mera e Almudena Blanco en representación de ACO Ortigueira.

A competición celebrarase ao longo dos días 27, 28 e 29 de maio nos municipios de Ortigueira (1ª etapa), A Laracha (2ª etapa) e A Pobra (3ª etapa). A Volta ciclista á provincia é unha das probas máis importantes do calendario Elite-Sub23.

Muras indicou que “ser protagonistas deste evento deportivo é unha oportunidade para dar a coñecer todo o que ofrece Ortigueira desde punto de vista paisaxístico, patrimonial e gastronómico. Ortigueira é mar, montaña e hospitalidade non paraíso das músicas do mundo celta”.

O rexedor do municipio tamén sinalou que o encontro será acicate para impulsar a economía local coa chegada das persoas que participan na proba e do público xeral. Segundo sinalou o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, a Volta á provincia atraerá a unhas 300 persoas, entre deportistas e organización, e un público dunhas 1.000.

Percorrido nesta primeira etapa

O percorrido circular no municipio empezou ás 12:00 horas desde o sinal de entrada cara a Cuíña. No termo municipal o itinerario seguirá por Senra, San Claudio, Mera de Abaixo e Mera de Arriba para deixar o concello e dirixirse a Cerdido e Valdoviño, retornando por San Sadurniño de novo a Ortigueira.

O regreso realizarase sobre as 15:00 horas pola Avda Escola de Gaitas, Avda da Penela, Luhía, Barbos, O Baleo, Couzadoiro cara a Montecalvelo, concello de Mañón, e retorno de novo por Loiba, O Viso, Céltigos, Espasante e Ladrido cara á meta no Malecón de Ortigueira, pasando por Luama e volta de circunvalación cara a Miñaño. Un total de 136,4 quilómetros de percorrido.

Back to top