Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Muras agradece á Xunta que atenda a petición do goberno local e dote ao GES de Ortigueira dun novo vehículo

  • O alcalde do municipio asistiu esta mañá na Coruña, xunto con membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipais de Ortiguera, á entrega dun novo camión tipo autobomba rural pesada
  • O vehículo, valorado en 198.000 euros, conta con tracción integral e un depósito de auga de 3.050 litros
O Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Ortigueira, conta xa cun camión tipo autobomba rural pesada. O alcalde do municipio, Juan Penabad Muras, asistiu esta mañá, xunto con membros do GES, ao acto de entrega do vehículo, onde celebrou que a Xunta de Galicia atendese á petición realizada polo Concello para dotar ao equipo deste novo vehículo, valorado en 198.000 euros.
O rexedor do municipio e o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinaron o convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta esta mañá na sede administrativa desta última situada en Monelos, na Coruña. “Desde o Concello pedimos a través do GES hai tempo un camión destas características, hoxe a Xunta de Galicia fainos entrega del, unha moi boa nova para o grupo e para toda a veciñanza, xa que este equipo de profesionais poderá contar cos medios necesarios para actuar coa máxima eficiencia e axilidade”, sinalou Muras.
O rexedor informou de que “os vehículos dos que dispoñen agora xa contan con bastantes anos de uso, polo que consideramos esencial un novo para atender a toda a comarca dada a súa gran superficie forestal e aos grandes núcleos de poboación”.
Características do camión
O vehículo conta con tracción integral para permitir o acceso a todo tipo de estradas, ben sexan secundarias, pistas forestais ou camiños. É por tanto un equipo mixto, que atende a zona urbana e rural. Á súa vez, dispón dun depósito de auga con capacidade de 3.050 litros, o que facilita a súa eficacia de intervención en zonas illadas ou onde haxa unha limitada subministración deste elemento.
O vehículo conta con sistema de comunicacións de radio, unha cabina con tres prazas, cinco armarios e elementos de iluminación e sinalización para levar a cabo as diferentes operacións como alarma sonora de marcha atrás ou iluminación perimetral do vehículo. Tamén conta con todos os elementos para protección ante riscos laborais como unha caixa de primeiros auxilios ou chalecos reflectores. Con este vehículo, o GES de Ortigueira poderá atender situacións como incendios urbanos, industriais ou forestais. No encontro de hoxe, Muras coñeceu de primeira man as particularidades deste vehículo da man do xerente de Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.
Back to top