Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Curso de Iniciación á Impresión 3D, unha formación con fin social

O Curso de Iniciación ao Deseño e Impresión 3D impartido pola Aula CeMIT de Ortigueira foi moito máis ca unha formación. Porque a maiores de adquirir competencias tecnolóxicas na materia en cuestión, os alumnos e alumnas desenvolveron un traballo que tivo un impacto social inmediato.

Os 11 participantes neste curso deseñaron e imprimiron material que serviu para mellorar a vida dos usuarios de Aspromor. Fixérono despois de que a Aula contactase coa agrupación para planificar o deseño duns obxectos que puidesen ser empregados polos usuarios e usuarias.

“Contactamos cas monitoras do centro para saber si lles parecía ben a idea deste tipo de doazón e a resposta foi inmediata. Son traballadoras que fan unha labor exemplar cos integrantes e sempre están dispostas a participar coa nosa aula. Así que lles envíamos unha suxerencia de que tipo de material lles podería resultar máis beneficioso”, apunta Verónica Barcón, responsable do Aula CeMIT.

Unha vez arrincou o curso, os 11 alumnos e alumnas decatáronse que o material que ían desenvolver durante a súa formación ía ter tamén unha utilidade social, polo que a motivación “foi maior”. Finalmente, entregáronse adaptadores para os zapatos e así evitar atar os cordóns, ‘empurradores’ para aproveitar os tubos de pasta de dentes ou cremas e ‘agarradeiras’ de cubertos para xente con problemas de mobilidade nas mans.

Deste xeito, o pasado venres, tivo o lugar a entrega deste material en Aspromor. No evento estivo presente unha representación do alumnado e o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, que animou aos usuarios para que fixesen máis encargos á Aula CeMIT e, así, seguir fomentando esta beneficiosa relación.

Back to top