Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello apoia a Aspromor con 70.000 euros para investir en equipamento, transporte e un proxecto de vivenda tutelada

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a presidenta de Aspromor, Maribel Lorenzo, concretaron na mañá deste luns 9 de novembro a firma dun convenio polo que o Concello apoia á asociación con 70.000 euros de axuda para desenvolver varios proxectos.

Concretamente, esta subvención potenciará un desenvolvemento da agrupación en tres vías: novo equipamento, ofrecer máis actividades grazas a dispoñer de máis recursos para financiar o transporte e poñer en marcha un proxecto de vivenda tutelada.

Por unha banda, este novo pacto permitirá á asociación investir en equipamento para os servizos de rehabilitación e mellora funcional. É dicir, ofrecerá máis servizo tanto en cuestións de psicomotricidade, como de fisioterapia. Ademais, poderá contar con novos recursos para equipos de reanimación e formación para utilizalos.

Doutra banda, a segunda vía de desenvolvemento será a de poñer en marcha un novo plan, que consistirá no desenvolvemento dun proxecto de vida independente en vivenda tutelada.

Por último, a achega pactada no convenio permitirá a Aspromor investir na reparación dos seus vehículos e financiar o combustible para planificar saídas de lecer e tempo libre cos seus usuarios.

“Os servizos sociais son unha absoluta prioridade para este novo goberno de Ortigueira. Por iso seguimos apostando por ofrecer este financiamento a Aspromor, unha entidade que é clave no noso municipio e a nosa comarca para mellorar a vida de persoas dependentes e as súas familias”, apuntou o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín.

Back to top