Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira reivindica o 25N cunha programación repleta de actividades

O mes de novembro estará marcado no Concello de Ortigueira por unha ampla programación de concienciación contra a violencia sobre a muller. En conmemoración polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde o CIM de Ortigueira organizan unha serie de actividades para concienciar á cidadanía sobre esta lacra social.

Ata o 15 de novembro estará dispoñible na sala de exposicións do Concello a mostra ‘Unha realidade oculta’, da Asociación ACADAR. Unha recompilación de imaxes nas que se reivindica a violencia sexual exercida sobre nenas e mulleres con discapacidade.

Na segunda metade do mes, do 16 ao 30 de novembro, poderase ver no Claustro a exposición “Implícate, son as túas veciñas”, a campaña municipal contra a violencia de xénero. Esta iniciativa está cofinanciada polos Fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Estará tamén dispoñible no Centro de Saúde grazas á colaboración da Xerencia da área integrada de Ferrol do SERGAS.

Co obxectivo de concienciar desde as idades máis temperás, o alumnado de 1º de ESO do IES Ortigueira será o destinatario do taller ‘Ciberdelitos de natureza sexual’, que se realizará no propio centro o día 21.

O día 22 será, ás 10:00 horas, a reunión anual de protocolo municipal de coordinación interistitucional contra a violencia de xénero no Salón de Plenos. Estará presidida polo alcalde, Valentín Calvín, e participarán tamén representantes do centro de saúde, dos centros educativos, do colexio de avogacía, da Policía Local, do equipo do CIM e do equipo Viogen, así como a traballadora social. O protocolo conta xa con 11 anos de vixencia e foi premiado no ano 2015 pola FEMP, como mostra de boa práctica municipal contra a violencia de xénero.

A Praza Isabel II acollerá a concentración contra a violencia de xénero e a tradicional lectura do manifesto institucional. Os actos terán lugar ás 12:00 horas.

Para pechar o mes, o Teatro da Beneficiencia acollerá, o día 27, a obra teatral ‘Golpes’, dirixida a un público xuvenil e adulto. No IES Ortigueira instalarase, o día 30, a Caseta Agresións Off: “Eu digo non á violencia sexual”.

Desde o goberno local animan á cidadanía a participar nestas actividades reivindicativas e a concienciarse sobre a necesidade de eliminar, entre todos e todas, esta problemática.

Back to top