Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA PRESENTARÁ O VENRES Á VECIÑANZA A ANOVADA WEB E O SERVIZO DE SEDE ELECTRÓNICA

O Concello de Ortigueira presentará o vindeiro venres, día 11 de xaneiro, a nova páxina web e a sede electrónica da administración local nun acto que terá lugar a partir das oito da tarde no Teatro de Beneficencia e ao que están invitados a asistir todos os veciños e veciñas.

Na dirección www.concellodeortigueira.gal, os e as usuarios poderán atopar unha web anovada co obxectivo de facela máis útil, accesible e moderna. A través dela estarán puntualmente informados da actualidade do municipio, tanto na sección de novas como na que recolle os bandos da Alcaldía; poderán enlazar con outras páxinas de interese; consultar a sección de axenda ou descargar publicacións como o boletín de información municipal en formato dixital.

Contar con esta ferramenta supón dispoñer practicamente dunha oficina municipal aberta todos os días do ano e as 24 horas do día. Así, a través da web dase acceso á sede electrónica municipal -que será presentada no mesmo acto- e ao perfil do contratante, onde se poden consultar os contratos subscritos polo Concello para obras e servizos.

A web está configurada para facilitar trámites como a petición dunha cita cos técnicos municipais, dar aviso dunha avería, ter información puntual dos eventos e actividades organizados polo Concello ou daqueles nos que colabora así como contactar co equipo de goberno. Tamén permite descargar instancias, enviar o currículum á orientadora laboral, acceder a datos para o pago dos recibos municipais ou trasladar queixas ou suxestións a través dun buzón habilitado para este fin. Deste xeito, non será necesario desprazarse fisicamente ata o Concello para realizar estas xestións, senón que se poden facer desde o ordenador ou o teléfono móbil.

Os últimos datos sobre o uso do rexistro electrónico no Concello de Ortigueira demostran que se vai avanzando na implantación deste sistema, especialmente no que se refire ao rexistro de saída do Concello, que se utiliza basicamente para a comunicación coas empresas. Así, desde que comezou a funcionar o rexistro electrónico medrou do 9,21% do total que representaba no ano 2016 ata o 41,80% do 2018. A data de 14 de decembro tiñan saído do Concello a través do rexistro electrónico 1.395 documentos pola vía electrónica e 1.942 en papel.

No rexistro de entrada as cifras son moito máis baixas. No ano 2016 utilizouse o sistema electrónico unicamente nun 1,13% das comunicacións co Concello. No ano 2017 a porcentaxe subiu ata o 5,51% e chegou ao 9,52 no último ano. Un dos obxectivos que se propón a administración local a través da nova sede electrónica é, precisamente, mellorar as cifras de usuarios particulares e de aí a organización da xornada aberta do venres no Teatro de Beneficencia. O seguinte paso, unha vez conseguido este, será a implantación do pago electrónico de taxas e impostos (pasarela de pagos).

Back to top