O Concello de Ortigueira crea un cheque bebé de 500 euros por nacemento ou adopción
O Concello de Ortigueira deu luz verde á convocatoria de axudas económicas destinadas ao fomento da natalidade e ao asentamento de novos residentes no municipio para o exercicio 2026. Esta iniciativa contempla unha dotación de 500 euros por cada menor nado, adoptado ou en situación de acollemento familiar durante o 2025.
O obxectivo principal destas subvencións é aliviar a carga económica inicial que supoñen estas situacións para as familias, á vez que se busca rexuvenecer o padrón municipal e combater a perda de poboación na contorna rural.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel Rego, destacou a importancia desta medida como unha ferramenta estratéxica para o futuro da localidade. Segundo explica a responsable da área, o goberno local é consciente dos retos demográficos que afronta o municipio e, por iso, decidiron “apostar por incentivos directos que faciliten a chegada de novos veciños”. Rego sinala que con este apoio pretenden que “as familias sentan o respaldo da administración local nunha etapa de tantos gastos, reforzando a idea de que Ortigueira é un lugar con servizos e calidade de vida para ver crecer aos fillos”. Así mesmo, a concelleira subliña que estas axudas son unha “invitación clara para que os mozos aposten por quedarse na súa terra e desenvolvan aquí o seu proxecto de vida”.
Para esta anualidade, o Concello reservou unha partida orzamentaria de 12.000 euros, coa posibilidade de ser ampliada se a demanda o require. As axudas concederanse por orde de chegada das solicitudes que cumpran todos os requisitos ata esgotar os fondos dispoñibles. Nesta ocasión, a convocatoria cobre aqueles feitos causantes, xa sexan nacementos, adopcións ou acollementos, que tivesen lugar entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025. En canto aos requisitos, é indispensable que polo menos un dos proxenitores ou titores legais estea empadroado en Ortigueira no momento de realizar a solicitude, do mesmo xeito que o menor.
Un dos puntos clave das bases é o compromiso de permanencia, xa que os beneficiarios deben manter a súa residencia efectiva no municipio durante un período mínimo de dous anos tras a inscrición do neno ou nena no padrón. O importe recibido deberá xustificarse mediante facturas de gastos relacionados directamente coas necesidades básicas do menor. Entre os conceptos subvencionables inclúense produtos de hixiene e coidado como cueiros ou cremas, alimentación infantil, roupa e calzado, así como artigos entre os que figuran berces, cadeiras de paseo ou sistemas de retención infantil para vehículos. Tamén se poderán incluír gastos farmacéuticos e sanitarios vinculados á saúde do pequeno.
As familias interesadas dispoñen dun prazo dun mes para presentar as súas solicitudes, contado a partir de mañá, 26 de xuño, e poderán realizar o trámite no Rexistro ou a través da sede electrónica municipal.
