Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Arranca a temporada de verán nas praias co inicio do servizo de socorrismo

As praias da Concha e Morouzos reestrean esta temporada estvial as Bandeiras Azuis, recuperadas case unha década despois de perdelas.

Este será o terceiro ano consecutivo que as praias orteganas conten con servizo de socorrismo, tras anos con el mermado ou incluso sen el.

A tempada de verán xa arrincou en Ortigueira. Así o testemuña o inicio da actividade dos 8 socorristas e 2 patróns que velarán pola seguridade nas praias de Ortigueira e Espasante, e que as Bandeiras Azuis —máximo distintivo de calidade que poden obter os areais en España— xa ondean nas praias da Concha e Morouzos.

O cambio de situación das praias do municipio desde a chegada ao goberno local do actual alcalde, Valentín Calvín, foi radical. Este será o terceiro ano consecutivo no que Ortigueira contará con servizo de socorrismo. Antes do 2024 e desde o 2016, este servizo de seguridade nas praias fora minguado e mesmo suprimido durante algúns anos pola falta de infraestruturas e de capacidade dos gobernos anteriores para poñelo en marcha. Esta cuestión sempre foi unha prioridade para o goberno de Calvín, que desde a súa chegada á alcaldía púxose ao choio para recuperar un servizo que considera “esencial” nun municipio “eminentemente turístico, máis se cabe na tempada estival”.

Deste xeito, xa se atopan nos seus postos de traballo os 8 socorristas (outros 2 serán contratados nos próximos días, chegando ata os 10 vixiantes) e 2 patróns que velarán pola seguridade dos bañistas na costa ortegana.

As Bandeiras Azuis volven ondear en Morouzos e A Concha

A gran novidade desta tempada é o regreso das Bandeiras Azuis. Este distintivo de calidade —o máis alto que pode conseguir unha praia en España— que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) volven verse nos areais da Concha e Morouzos. Estes galardóns regresan ao municipio despois de perder o último no ano 2018 e que agora, grazas outra vez á implicación na mellora da calidade das praias do goberno municipal, volven ser visibles nestas dúas praias.

Valentín Calvín fai un balance moi positivo da evolución do principal recurso turístico do municipio desde a súa chegada ao goberno. “Atopámonos unhas praias sen socorristas e que xa non aparecían nos ránkings das mellores de Galicia, e, en apenas tres anos, fomos capaces de reverter a situación”, afirma o rexedor.

“Sempre dixemos que esta era unha das nosas prioridades, e os feitos demóstrano: hoxe, calquera que vaia á praia de Morouzos pode ver socorristas con medios adecuados e en bo estado, a Bandeira Azul, mellores e máis cómodos accesos, instalacións a punto… isto non é flor dun día; é o resultado de meses de traballo que agora dan os seus froitos. Iso si, non nos conformamos, queremos seguir traballando para que cada vez sexan máis as praias con Bandeira Azul e dar o mellor servizo posible tanto aos nosos veciños e veciñas como aos miles de turistas que nos visitan cada ano”, resume Calvín.

Back to top