Bando para as lumeiradas de San Xoán
JOSÉ VALENTÍN CALVIN FONDEVILA, ALCALDE DO CONCELLO DE ORTIGUEIRA
FAGO SABER:
Que o Concello de Ortigueira, no ámbito das súas competencias, autoriza aos veciños e veciñas que desexen realizar as tradicionais cacharelas e sardiñadas de San Xoan e San Pedro, baixo as seguintes condicións:
1.- As persoas, asociacións ou entidades organizadoras deberán presentar no Rexistro do Concello, cunha antelación mínima de dous días, a comunicación previa da realización das cacharelas facendo constar os datos da persoa responsable e o lugar onde se vai realizar, achegando DNI da persoa que asina a comunicación.
Nas dependencias administrativas e na sede electrónica do concello facilitase o modelo normalizado.
A comunicación de queima non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos ou perdas que houbera lugar no caso de producirse un incendio polo uso do lume cando concorra neglixencia ou imprudencia, ou incumprimento das normas de prevención.
2.- O lume non se poderá facer sobre o céspede da zonas verdes de titularidade municipal. Non se autorizan a celebración das fogueiras nas praias nen espazos verdes públicos limítrofes as mesmas ou en calquera outro espazo protexido.
3.- No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos, de titularidade municipal, lousados, asfaltados ou pintados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm. en toda a superficie da fogueira, adoptando as demais medidas necesarias para que a fogueira non provoque danos ao chan. As persoas organizadoras serán directamente responsables dos danos que as fogueira poidan causar tanto aos terreos de uso publico como ao bens particulares.
4.- No caso de realizarse a actividade en espazos públicos que non sexan de titularidade municipal ou en espazos privados deberase contar coa preceptiva autorización do titular dos terreos.
5.- Deberase coidar os arredores do lugar onde se fai a lumarada, e no caso de emerxencia chamar ao 112, a chamada é de balde. En calquera caso a persoa que realice a lumarada tomará as medidas oportunas para evitar a propagación do lume, dispoñendo de persoal e medios suficientes para sufocar os conatos de incendio.
6.- Non se poderá iniciar ni avivar a lumarada con substancias inflamables.
7.- A separación entre a parte extrema da lumarada e edificios, construcións, locais, árbores, tendidos eléctricos ou telefónicos, canos de gas, etc, será como mínimo de 8 metros para lumaradas de 2 metros e 1 m de diámetro ou menores, e de 12 m. para lumaradas maiores. Non obstante as lumaradas non poderán superar nin en altura nin en diámetro os 3 metros.
8.-As persoas que fagan a lumarada, como responsables das mesmas, aseguraranse de que nos arredores non existan locais que conteñan produtos inflamables. A distancia mínima a ditos locais será de 25 metros.
9.- Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escuma de poliuretano, aceites, mobles e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.
10.- En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión aínda que estean baleiros.
11.- Non se poderá realizar a fogueira con vento. Se iniciada a lumarada se producise a aparición do vento, suspenderase inmediatamente procedendo a apagar o lume.
12.- Ao finalizar a lumarada os responsables coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas, non podendo abandonar a vixilancia da zona ata que o lume estea completamente apagado. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou sardiñada.
13.- A presente autorización unicamente terá efectividade para a realización da lumarada cando o índice de risco de incendio forestal sexa de nivel baixo(1) ou moderado (2). Pódese consultar este no seguinte enlace: https://mediorural.xunta.gal/es/temas/defensa-monte/irdi
14.- Por parte dos responsables da organización das lumaradas deberanse tomar todas as medidas preventivas precisas para evitar incidentes por neglixencia. En todo caso, é responsabilidade das persoas que fan as lumaradas, os danos que puideran producir.
15.- No caso de detectarse algún problema deberán chamar ao 112.
16.- A hora límite para rematar a celebración é as 04:00 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no art. 5.II.5 da Orde de 23/10/20 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia (DOG 30/10/20), para a celebración de festas e romarías populares.
O que se fai público para xeral coñecemento e cumprimento.