Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Comunicación San Xoán e San Pedro

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, vén de asinar a comunicación coa normativa das cacharelas e sardiñadas para as festividades de San Xoán e San Pedro. A continuación, expóñense as condicións:

1.- As persoas, asociacións ou entidades organizadoras deberán presentar no Rexistro do Concello, cunha antelación mínima de dous días, a comunicación previa da realización
das cacharelas facendo constar os datos da persoa responsable e o lugar onde se vai realizar, achegando DNI da persoa que asina a comunicación. Nas dependencias
administrativas e na sede electrónica do concello facilitase o modelo normalizado

2.- O lume non se poderá facer en espazos públicos de titularidade municipal con pavimento de formigón, asfalto ou material cerámico, nin sobre o céspede das zonas
verdes. Noutra clase de espazos públicos as persoas organizadoras adoptarán as medidas necesarias para que a a fogueira non provoque danos ao chan. Non se autorizan a
celebración das fogueiras nas praias nen espazos verdes públicos limítrofes as mesmas.

3.- No caso de realizarse a actividade en espazos públicos que non sexan de titularidade municipal ou en espazos privados deberase contar coa preceptiva autorización do titular
dos terreos.

4.- Deberase coidar os arredores do lugar onde se fai a lumarada, e no caso de emerxencia chamar ao 112, a chamada é de balde. En calquera caso a persoa que
realice a lumarada tomará as medidas oportunas para evitar a propagación do lume, dispoñendo de persoal e medios suficientes para sufocar os conatos de incendio.

5- Non se poderá iniciar ni avivar a lumarada con substancias inflamables.

6.- A separación entre a parte extrema da lumarada e edificios, construcións, locais, árbores, tendidos eléctricos ou telefónicos, canos de gas, etc, será como mínimo de 8
metros para lumaradas de 2 metros e 1 m de diámetro ou menores, e de 12 metros para lumaradas maiores. Non obstante as lumaradas non poderán superar nin en altura nin en
diámetro os 3 metros.

7.-As persoas que fagan a lumarada, como responsables das mesmas, aseguraranse de que nos arredores non existan locais que conteñan produtos inflamables. A distancia
mínima a ditos locais será de 25 metros.

8.- Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escuma de poliuretano, aceites, mobles e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

9.- En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión aínda que estean baleiros.

10.- Non se poderá realizar a fogueira con vento. Se iniciada a lumarada se producise a aparición do vento, suspenderase inmediatamente procedendo a apagar o lume.

11.- Ao finalizar a lumarada os responsables coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas, non podendo abandonar a vixilancia da zona ata que o lume estea
completamente apagado.

12.- A presente autorización unicamente terá efectividade para a realización da lumarada cando o índice de risco de incendio forestal sexa de nivel baixo(1) ou moderado
(2), publicado na web da Conselleria de Medio Rural, o nivel IRDI.

13.- Por parte dos responsables da organización das lumaradas deberanse tomar todas as medidas preventivas precisas para evitar incidentes por neglixencia. En todo caso, é
responsabilidade das persoas que fan as lumaradas os danos que puideran producir.

Back to top