Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira celebra este domingo a 36ª edición do seu Concurso Hípico de Saltos na Granxa do Souto

• A Competición de Salto Territorial está organizada pola Federación Galega de Hípica e contará cuns 70 participantes de todas as idades
• A xornada, que arrincará ás 10:00 horas, rematará cunha proba de Cros aberta

Ortigueira celebra este domingo 25 de xuño a 36ª edición do Concurso Hípico de Saltos na Granxa do Souto. O evento de equitación, xa tradicional no calendario autonómico, está conformado como Competición de Salto Territorial (CST) ao ter carácter oficial e ser organizado pola Federación Galega de Hípica xunto coa Granxa do Souto, coa colaboración do Concello de Ortigueira.

“As competicións deportivas son fundamentais para fomentar os bos hábitos de vida. E máis se inclúen a interacción con animais. A maiores, este tipo de eventos permiten poñer a Ortigueira no mapa e dar a coñecer non só as nosas instalacións ecuestres, senón tamén os atractivos naturais e patrimoniais do noso municipio”, explica o alcalde, Valentín Calvín.

Deste xeito, o domingo 25, as instalacións de actividades ecuestres situadas en Mera acollerán unha competición moi consolidada a nivel galego, na que participarán uns 70 xinetes de todas as idades, principalmente oriundos das provincias da Coruña e Lugo. As probas arrincarán ao redor das 10:00 horas e finalizarán cunha proba de Cros aberta.

A esta competición os xinetes da Granxa do Souto chegan coas boas sensacións de conseguir tanto o primeiro posto (Uxía Cebreiro) como o segundo (Ruth Palmeiro) na proba de 50 das Pontes, celebrada a principios de xuño.

O Concurso Hípico de Saltos será o primeiro dos dous grandes eventos que este verán acollerá a Granxa do Souto, que en agosto celebrará a segunda edición do Concurso Completo de Hípica, que inclúe as disciplinas de doma, salto e cros con obstáculos.

Back to top