Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE ORTIGUEIRA RECIBE UN DOS PREMIOS MARÍA MOLINER DE ANIMACIÓN Á LECTURA CONVOCADOS POLO MINISTERIO DE CULTURA

O proxecto da biblioteca municipal de Ortigueira “Benvido a Xapón e o mundo ao revés” acaba de recibir un dos premios María Moliner 2020, que recoñecen a nivel nacional os mellores proxectos de animación á lectura levados a cabo en bibliotecas de Concellos. Trátase dun galardón instituído polo Ministerio de Cultura que o servizo ortegano xa conseguiu en varias ocasións.

En total presentáronse case 600 propostas, das que foron elixidas 310, entre elas a de Ortigueira. Todas elas serán obsequiadas con 2.000 euros para a adquisición de novo material. Os proxectos teñen que incluír accións de animación á lectura e demostrar ademais a eficiencia no labor bibliotecario, a integración na comunidade e o uso das novas tecnoloxías.

“Benvido a Xapón e o mundo ao revés” desenvolveuse no primeiro semestre do ano co obxectivo de achegar aos e as participantes á cultura xaponesa. Organizáronse lecturas de libros de autores daquel país ou ambientados nel, préstamos de material propio e cedido pola Fundación Xapón e obradoiros para nenos e nenas nos que puideron aprender a facer abanos, diferentes manualidades e mesmo quimonos.

Desde a biblioteca ortegana queren agradecer aos usuarios e usuarias a súa participación nas actividades e animalos tamén a presentar suxestións para as adquisicións que se realizarán cos 2.000 euros do premio. Felicitan igualmente ao resto de galardoados, especialmente ás bibliotecas galegas.

Back to top