Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA LEVANTARÁ A PROHIBICIÓN DE PLANTAR PATACAS EN ORTIGUEIRA Á VISTA DOS RESULTADOS DOS ÚLTIMOS CONTROLES

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, mostrouse hoxe moi satisfeito co anuncio de que a Xunta levantará a prohibición de plantar patacas no municipio de Ortigueira, que lle foi comunicada polo director xeral de Medio Rural, José Balseiros. Trátase, dixo, dunha noticia moi positiva, especialmente nestes momentos, e dunha petición que vén formulando reiteradamente desde o Concello e “pola que levo pelexado moito”.

Os últimos controles realizados en Ortigueira demostran que non se detecta a presenza da couza guatemalteca, a praga que orixinou a prohibición en toda a contorna, aínda que seguirá a haber controles para evitar a reaparición. Neste sentido, o alcalde explicou que aquelas persoas que realicen plantacións terán que notificar ao servizo de Extensión Agraria en que parcela o farán e a extensión que ocuparán.

Muras lembra que moitos veciños se interesaban polo levantamento da prohibición e que aínda que pola súa profesión entende ben o control das plagas e enfermidades nos vexetais “a min non me chegaba ningún dato que xustificara que non se puidera plantar para poder explicarllo ben”.

O permiso será oficial tan pronto como se publique no DOG, no prazo de 15 ou 20 días segundo o alcalde, que agradeceu a chamada do director do Medio Rural e valorou este xesto porque considera que esta noticia hai que trasladarlla á veciñanza canto antes. “Agora o que queira plantará e o que non, non, pero polo menos xa se pode; na miña casa, por exemplo, plantouse sempre e imos volver a facelo”, dixo Muras. “Todos sabemos que mentres haxa patacas parece que estamos máis tranquilos, porque non só axudamos á nosa economía local senón que tamén as repartimos cos fillos e fillas que están fóra e, en definitiva, sabemos que é algo co que podemos contar”, concluíu.

Back to top