A Biblioteca Municipal de Ortigueira recibe o premio “Bibliotecas que inspiran” polo seu proxecto de recuperación da memoria local
O galardón, concedido pola Xunta de Galicia na categoría de municipios de ata 10.000 habitantes, recoñece o labor do centro na conservación e difusión do patrimonio bibliográfico e documental do municipio.
A Biblioteca Municipal de Ortigueira foi galardoada co premio “Bibliotecas que inspiran” pola súa iniciativa “Obxectivo: memoria local”, no marco da II Xornada Internacional de Bibliotecas Públicas Galicia-Norte de Portugal. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entregou o diploma acreditativo ao alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, quen estivo acompañado no acto polas bibliotecarias municipais María José Vilasánchez Fuciños e Mónica Pérez Armada.
Este premio distingue o traballo desenvolvido polo centro para rescatar, preservar e poñer a disposición do público documentos e publicacións esenciais para a historia e a memoria colectiva do municipio. A iniciativa xorde ante a necesidade de recuperar fondos documentais que permanecían dispersos en vivendas particulares, coleccións privadas ou antigos arquivos con risco de perderse. O proxecto sostense sobre a premisa de que a historia de Ortigueira non só habita nos libros catalogados, senón tamén nas fotografías, postais, programas de festas e meconos gardados nos fogares da veñanza.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou tras a recollida do galardón que este premio supón un “orgullo colectivo para todo o municipio” e un respaldo institucional ao “labor que realiza a biblioteca municipal diaria e silenciosamente”. Calvín sinalou que preservar a memoria de Ortigueira “é a mellor maneira de construír o seu futuro”, agradecendo “o esforzo conxunto de técnicos e veciños para que esta iniciativa sexa hoxe unha referencia en toda Galicia”.
867 novos documentos
Para a execución do proxecto, a biblioteca deseñou unha metodoloxía estruturada en fases de identificación, conservación, catalogación, mescrición e posterior difusión dos materiais recuperados. A participación cidadá foi o pilar central do éxito da proposta, permitindo a implicación activa de familias, asociacións culturais, veciñanza e membros do club de lectura. Grazas a este respaldo social, entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 5 de agosto de 2026, a colección local sumou 867 novos documentos, dos cales 802 proviñeron de doazóns particulares, o que supón o 92,5% do total das incorporacións. Entre as achegas de maior valor e importancia destacan as realizadas por Federico Maciñeira Teijeiro e pola familia de Luis Alonso Santiago.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Ana Cartelle, subliñou “o valor social e a proxección de futuro” do proxecto galardoado. Cartelle manifestou que “Obxectivo: memoria local” demostra que a cultura en Ortigueira é “participativa e viva”, convertendo aos propios veciños en custodios da súa historia. Así mesmo, a responsable municipal de Cultura avanzou que a meconsecución deste premio impulsará “novas accións enfocadas a achegar estes fondos históricos ás escolas e ás xeracións máis mozas”, promovendo exposicións e actividades divulgativas.
Ademais de ampliar o fondo documental e habilitar un espazo propio para o seu adecuado tratamento e conservación física, o proxecto mantén unha estreita colaboración coa Biblioteca de Galicia para a dixitalización de fondos de especial valor. Actualmente, o repositorio dixital Galiciana ofrece acceso a 126 exemplares pertencentes a 17 cabeceiras de prensa e 47 monografías e folletos procedentes de Ortigueira, aos que se incorporarán novos documentos remitidos ao longo deste ano 2026.



