Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

REPARTEN NAS PARROQUIAS MATERIAL DA CAMPAÑA MUNICIPAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO ÁMBITO VECIÑAL

Dentro da campaña municipal de loita contra a violencia de xénero no contorno veciñal estanse a distribuír polas parroquias orteganas calendarios, folletos e carteis nos que se explica como actuar nestes casos. A iniciativa foi presentada o pasado 25-N, coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, por parte da concelleira Belén Bello, responsable de Igualdade e Atención á Veciñanza.

O obxectivo da campaña é concienciar da responsabilidade que ten toda a sociedade na prevención das violencias machistas, empezando polo máis próximo, como son os veciños e veciñas. O lema da campaña é “O maltrato na parella non é só cousa da parella, non permitas a violencia de xénero ao teu redor”. O Concello reparte carteis, folletos informativos relacionados cos recursos aos que acudir nestes casos e calendarios coa mensaxe “Non permitamos a violencia de xénero ao noso redor”.

A idea é denunciar a complicidade de quen silencia estas violencias, porque quen mira para outro lado tamén é culpable. Neste sentido pídese que se dea aviso ao 016 ou se solicite información no CIM (teléfono 981 402 542) a quen vexa actitudes ou accións violentas; presencie vexacións ou insultos de algún veciño cara á súa parella; observe que algunha veciña presenta negróns na cara ou corpo sen xustificación ou de manera reiterada; ou escoite grupos, golpes ou ruídos anómalos de xeito repetido. En casos de emerxencia a recomendación é chamar á Policía, a Garda Civil ou Emerxencias.

Back to top