Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Penabad Muras mostra a súa satisfacción ante a licitación das obras de urbanización do porto de Ortigueira

  • “A Xunta cumpre así coas súas competencias en materia portuaria, dando resposta a unha actuación moi demandada desde o equipo de goberno local e que despois de diversas reunións con responsables da Administración autonómica dá, por fin, os seus froitos”, explicou o rexedor ortegano.

“O porto de Ortigueira será obxecto dunha actuación moi demandada polo equipo de goberno local e que, por fin, avanza” explica o rexedor Juan Penabad Muras, ante o anuncio de licitación das obras de reurbanización do porto ortegano por parte da Xunta de Galicia.

“A Xunta cumpre así coas súas competencias en materia portuaria no noso municipio, dando resposta a unha petición que desde ou equipo de goberno local levamos poñendo na mesa hai tempo e que, despois de diversas reunións con responsables da Administración autonómica, da os seus froitos”, sinalou o alcalde ortegano. “Desde o Concello agradecemos á Xunta que inicie a licitación das tarefas e ofrecemos, como sempre o fixemos, a nosa máxima colaboración para facer do porto e da súa contorna un espazo en óptimas condicións”, argumentou Penabad Muras.

O rexedor ortegano manifestou a boa sintonía coa Administración autonómica e indicou que desde “o Concello seguiremos cooperando estreitamente coa Xunta a través de tarefas como o mantemento das zonas verdes, así como actuacións coma o pintado da zona de aparcamento”, explicou.

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, anunciou o procedemento de licitación destas tarefas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 7 de decembro, contando as obras cun orzamento base de 344.000 euros.

Penabad Muras indicou que con estes traballos “acondicionarase o firme da contorna” e favorecerase a mobilidade das persoas entre o parque do Malecón e as beirarrúas na zona do cemiterio municipal. Os traballos tamén permitirán renovar servizos co desmontado da iluminación pública, instalación de cable aéreo e a execución de novas redes de saneamento, pluviais, iluminación pública, baixa tensión e arroio automático en xardíns.

Back to top