Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira xa conta coa súa nova Rúa Inclusión, impulsada polo alumnado do José María Lage

Ortigueira xa conta coa súa nova rúa Inclusión. O vial, que está entre o Paseo Barro Soto e O Mourón, sitúase concretamente na contorna da piscina e o centro de saúde, preto do Centro Aspromor. Precisamente esta localización que a vincula cun centro de referencia en apoio á diversidade funcional é a que lle axudou a ser a elixida.

A rúa denomínase oficialmente como Inclusión desde esta mañá, cando foi inaugurada por representantes do executivo local, doutros grupos políticos, alumnos do CEIP José María Lage e do instituto da localidade e persoal de Aspromor.

O bautizo do vial, un das poucos que quedaban sen nome no municipio, foi precisamente impulsado por estudantes que o pasado ano escolar cursaron 5º e 6º de Primaria no citado centro educativo.

Como vén sendo habitual cada ano, os alumnos participaron nun Concurso da Fundación ONCE. Nesa última edición, a temática era a inclusión. Por iso mesmo, ademais de construír carteis -uno deles foi finalista a nivel Galicia-, puxeron en marcha unha recollida de firmas para bautizar unha das rúas da localidade con ese nome.

Tras realizar todos os pasos administrativos, a proposta de nomeamento da rúa foi levada a pleno a finais do 2023. A corporación aprobou por unanimidade a proposta e esta mañá, coincidindo co Día da Educación, levou a cabo a inauguración.

Back to top