Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira saca a cultura ás rúas cunha intensa programación para o mes de agosto

Música, teatro, cinema, danza, maxia e actividades participativas conforman unha proposta que encherá de vida diferentes espazos da Vila de Santa Marta e o Porto de Espasante durante todo o mes.

O Concello de Ortigueira presenta a programación cultural de agosto baixo o lema “A cultura toma a rúa”, unha iniciativa que converterá distintos espazos públicos en escenarios ao aire libre para achegar a cultura á veciñanza e ás persoas que visitan o municipio durante o verán. Cun total de dez citas repartidas ao longo do mes, a programación aposta pola diversidade de disciplinas artísticas e por unha oferta pensada para todos os públicos.

O calendario arrancará o 1 de agosto coa actuación de Os Carecos, dentro do ciclo Os Solpores da Ribeira, e co obradoiro de baile tradicional Gamelas e Anduriñas. Ao longo do mes sucederanse os concertos de Dixie Kings, Celia Pía Trío, Black e Andhrea and the Black Cats, as proxeccións de cinema ao aire libre con Rondallas e Sirat, o espectáculo teatral producido polo Centro Dramático Galego de Ñiquiñaque, a proposta de maxia de Martín Camiña e Maga Fani e, como peche da programación, o espectáculo de danza Benquerer, de Fran Sieira e Caamaño & Ameixeiras dentro do ciclo Sons do Claustro.

As actividades desenvolveranse na Praza Fonte Nova, no Claustro do Concello, e na Alameda, facendo que a cultura saia dos espazos convencionais para ocupar as rúas e prazas de Ortigueira.

Todas as actividades serán gratuítas, agás o espectáculo de danza Benquerer, que terá un prezo simbólico de 5 euros. As entradas poranse á venda a partir do 2 de agosto.

A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, destacou que “esta programación é o reflexo da aposta do Concello por unha cultura aberta, accesible e diversa, capaz de chegar a todos os públicos e de converter os espazos públicos en lugares de encontro arredor da creación artística. Queremos que veciñanza e visitantes vivan un agosto cheo de experiencias culturais de calidade”.

Cartelle tamén quixo agradecer “o excelente traballo realizado polo Departamento de Cultura na organización desta programación, así como a implicación de todas as compañías, artistas e colectivos participantes, que fan posible ofrecer unha proposta tan completa e variada”.

Pola súa banda, o alcalde, Valentín Calvín, puxo en valor o esforzo realizado para confeccionar unha programación ambiciosa e destacou “a importancia da colaboración institucional para facer posible unha oferta cultural destas características”. O rexedor quixo agradecer “o apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, mediante a Rede Cultural, cuxo respaldo resulta fundamental para seguir achegando á veciñanza unha programación diversa, de calidade e ao alcance de todos”.

Back to top