A Escola de Música Municipal de Ortigueira leva a música a prazas, praias e espazos emblemáticos co seu novo Ciclo de Concertos de Verán
Cinco concertos gratuítos durante o mes de xullo achegarán a música en directo a distintos puntos do municipio, nunha proposta que combina cultura, participación cidadá e promoción do territorio.
A Escola de Música Municipal de Ortigueira, a través da Concellería de Educación, Cultura e Saúde do Concello de Ortigueira, presenta o seu Ciclo de Concertos de Verán, unha iniciativa que levará a música a diferentes espazos emblemáticos do concello durante o mes de xullo.
O ciclo estará protagonizado polo profesorado da Escola de Música Municipal, que ofrecerá un repertorio variado pensado para todos os públicos, combinando bandas sonoras, música galega, boleros, clásicos contemporáneos e latin jazz, nun formato próximo e participativo.
Baixo o lema “Música – Territorio – Comunidade” Vive o verán en Ortigueira!, esta programación busca converter a música nun punto de encontro entre veciñanza e visitantes, levando a actividade cultural máis aló das aulas e achegándoa a bibliotecas, prazas, parques e espazos singulares do municipio.
Programa
14 de xullo | 12:30 h
Concerto na Biblioteca
Biblioteca Municipal de Ortigueira.
16 de xullo | 20:00 h
Serán Musical
Praza da Praia de San Antón (Espasante).
17 de xullo | 20:00 h
Música e Tradición
Centro Social de Senra.
Concerto participativo no que o público poderá acompañar algunhas pezas coa súa pandeireta.
21 de xullo | 13:00 h
Sesión Vermú
Xardíns de Julio Dávila (Ortigueira).
23 de xullo | 20:00 h
Serán Musical
O Picón (Loiba).
Son concertos participativos, nos que o público poderá cantar ou sumarse ao conxunto coa súa pandeireta, convertendo a experiencia nun encontro musical aberto e compartido.
Con esta iniciativa, a Escola de Música Municipal pretende dar a coñecer o seu labor educativo, achegar a música ás rúas e poñer en valor os espazos máis representativos do concello, demostrando que a música pode ser unha ferramenta de convivencia, dinamización cultural e promoción do territorio.
Todos os concertos son de acceso libre e gratuíto.
O Ciclo de Concertos de Verán está organizado pola Concellería de Educación, Cultura e Saúde do Concello de Ortigueira, a través da Escola de Música Municipal de Ortigueira, coa colaboración da Deputación da Coruña (Programa FO207 – Escolas de Música) e da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.




