Ortigueira consolida o servizo de podoloxía a domicilio para persoas usuarias do SAF na súa terceira edición
Xestionado polas concellerías de Sanidade e Promoción Económica, o programa atende na actualidade a 84 persoas nos seus propios fogares.
A iniciativa pioneira busca garantir a atención no contorno rural e evitar desplazamentos aos maiores ou con problemas de mobilidade.
O Concello de Ortigueira —a través das concellerías de Sanidade, dirixida por Ana Cartelle, e Promoción Económica, encabezada por Isabel Rego— pon en marcha a terceira edición do servizo de podoloxía a domicilio dirixido ás persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A iniciativa, que arrancou cunha excelente acollida nos seus inicios, continúa consolidándose e alcanza xa a un total de 84 persoas beneficiarias.
Isabel Rego e Ana Cartelle coinciden en que esta iniciativa pioneira se afianza grazas á boa resposta da cidadanía e á “necesidade de coidar dos nosos maiores”. Ambas as dúas concelleiras subliñan a importancia de “velar pola calidade de vida dos veciños e veciñas de avanzada idade, de forma especial nun concello eminentemente rural e cunha gran dispersión poboacional, factores que en moitas ocasións dificultan o desprazamento á vila para acceder a determinados servizos”.
Este proxecto é posíbel grazas ao esforzo inversor que o goberno local destina cos seus fondos propios, sumado ao apoio económico da Deputación da Coruña.
O programa de podoloxía está deseñado para atender casos que requiren intervención profesional urxente ou continuada, como o seguimento de pacientes con diabetes, uñas encarnadas ou outras patoloxías podolóxicas de gravidade. O servizo continuará a cargo do podólogo Alberto Pita, quen se despraza persoalmente aos domicilios dos usuarios para realizar a atención requirida, evitando desprazamentos complexos ou imposibles dada a saúde dos beneficiarios.