Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA APOIA A OFICIALIZACIÓN DO CAMIÑO DO MAR A TRAVÉS DA INICIATIVA “CAMIÑO GASTRONÓMICO DO MAR”

O Concello de Ortigueira expresa o seu decidido apoio á oficialización do Camiño do Mar, unha ruta a Santiago que parte de Ribadeo e discorre polos concellos da Mariña e Ortegal para entroncar en Neda co Camiño Inglés ata Compostela, e que hoxe deu a coñecer en Burela a súa primeira iniciativa: o Camiño Gastronómico do Mar.

O tenente de alcalde ortegano, Ángel Lozano Novás, representou ao Concello na presentación desta proposta da Asociación de Amigos do Camiño do Mar, a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Armadores de Burela, S.A., coa que se pretende conseguir un triplo obxectivo: difundir o Camiño do Mar, apoiar ao sector hostaleiro e promocionar o consumo de peixe.

Trinta restaurantes de quince concellos elixidos pola organización participan na campaña gastronómica, que se desenvolverá ao longo de oito fins de semana, desde mañá ata o do 6 de decembro e na que se promocionarán algúns dos peixes máis representativos dos que capturan as frotas pesqueiras da Mariña e o Ortegal. Os que representarán a Ortigueira son Planeta e O Bodegón 90.

O Camiño do Mar tenta ser un eixe vertebrador e un polo de atracción turística e económica para os concellos destas zonas e a súa constitución foi apoiada polo Parlamento Galego hai xa dez anos.

Back to top