Ortigueira acollerá música en directo, monólogos e actividades polo Día do Libro dentro da axenda cultural de abril
- O municipio tamén será sede da primeira proba puntuable do Campionato Galego de Andaina Federada, que se celebrará o próximo 10 de abril.
- Dentro do calendario deportivo, o Concello organiza roteiros de sendeirismo, xeolóxicas e ornitolóxicas coas que fomentar o turismo de proximidade.
A axenda cultural de Ortigueira para o mes de abril inclúe unha ampla variedade de actividades destinadas a todos os públicos. Ademais de concertos, monólogos e charlas informativas, o Concello organiza roteiros de sendeirismo polo municipio e accións polo Día do Libro na biblioteca Juan Fernández Latorre.
O calendario cultural e deportivo de abril, segundo explica o concelleiro de Cultura, Juan Cao, “busca ofrecer a toda a veciñanza alternativas de lecer de calidade e de proximidade aproveitando as festividades da Semana Santa”.
O humorista David Amor será o encargado de inaugurar a axenda cultural o sábado 9 de abril co seu monólogo ‘Love está en el aire’ nas instalación do Teatro da Beneficencia. As entradas están dispoñibles por 3,50 euros.
O día seguinte, 10 de abril, Ortigueira acollerá a primeira proba puntuable do Campionato Galego de Andaina Federada. O evento terá lugar desde as 11:00 ata as 14:00 horas e desde as 16:30 ás 18:00 horas na Avenida Juan Luís Pía.
O martes 19 de abril, o Concello colabora na organización da xornada informativa ‘ Camiño de Futuro’, que se celebrará no Teatro da Beneficencia a partir das 12:00 horas. Para asistir será necesario inscribirse previamente a través desta ligazón.
O sábado 23 de abril será a quenda da música en directo co concerto sacro do sexteto vocal SondeNós. A súa actuación, programada para as 19:30 horas na igrexa parroquial de Ortigueira, poñerá punto e final dos actos previstos para a Semana Santa deste ano. A actividade está organizada polo Centro de Atención Pastoral de Ortigueira.
En conmemoración do Día do Libro, 23 de abril, a biblioteca municipal Juan Fernández Latorre sairá das súas instalacións para levar a lectura ata as persoas usuarias do centro ASPROMOR, o 26 de abril co espectáculo ‘Maxia Divertida’, e da Residencia de Persoas Maiores de Ortigueira, o 29 de abril con ‘Contos arredor do lume’.
Actividades de sendeirismo
Dentro da axenda cultural e deportiva para este mes de abril, o Concello de Ortigueira aposta tamén por fomentar “un turismo de proximidade que integre a actividade física coa paisaxe natural do municipio”, en palabras do edil, Juan Cao.
Desta maneira, lugares como o alto de Miudelos, Senra, a praia de Morouzos ou Espasante son parte dos percorridos incluídos nos roteiros de sendeirismo, xeolóxicas e ornitolóxicas que organiza o Concello.
As propostas lévanse a cabo os días 9, 14, 15, 16, 23 e 30 de abril e o prazo para apuntarse ás actividades, de carácter gratuíto, está aberto. As persoas interesadas en formar parte dalgunha das expedicións poden inscribirse nas instalacións da piscina municipal. Toda a información sobre os roteiros está dispoñible aquí.
Segunda edición da Universidade Sénior
Por outra banda, Ortigueira acollerá unha nova edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade Sénior. Tras o éxito do primeiro, o Concello volve colaborar coa Universidade da Coruña (UDC) para acoller un novo curso de formación para maiores de 50 anos durante os meses de abril e maio.
A iniciativa terá lugar do 20 de abril e finalizará o 30 de maio e contará con sesión teóricas dous días á semana de 17:00 a 19:00 horas no Teatro da Beneficencia, e sesións prácticas, impartidas por profesorado da Universidade da Coruña.
A inscrición é gratuíta e pode realizarse de forma telemática a través de aquí ata o 18 de abril.