Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello aposta polo comercio e a hostalería local e organiza a I edición do Mercado de Semana Santa

  • O goberno local, en colaboración con ACO Ortigueira, abre o prazo para que os negocios do municipio anótense á proposta, que terá lugar o 15, 16 e 17 de abril na Alameda de Ortigueira en horario de 10:00 a 20:00 horas.
  • “Facilitaremos a instalación dos postos de forma completamente gratuita para vender e promocionar os produtos locais nunhas datas nas que contamos con máis visitantes, ampliando as posibilidades de alcanzar novo público”, afirma Muras.

O Concello aposta polo impulso e a promoción do comercio local e de proximidade co seu primeiro mercado de Semana Santa, organizado en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Hostalería de Ortigueira ( ACO).

Este desenvolverase na Alameda de Ortigueira ao longo dos días 15, 16 e 17 de abril en horario de 10:00 a 20:00 horas. O equipo de goberno local xa abriu o prazo para que comerciantes e hostaleiros interesados e interesadas en participar na feira poidan facacer as súas solicitudes. O prazo para presentarse finalizará o vindeiro martes, 12 de abril.

“Desde o equipo de goberno queremos ofrecer a nosa colaboración e compromiso co comercio e a hostalaría de Ortigueira con iniciativas coma esta, que desenvolvemos traballando man a man cos principais implicados, comerciantes e hostaleiros, escoitando as súas necesidades e demandas para darlles a mellor resposta posible”, indica o alcalde, Juan Penabad Muras.

“Todos os negocios do termo municipal poderán participar na proposta, coa que lles facilitaremos a instalación do seu posto de forma completamente gratuita para vender e promocionar os seus produtos nunhas datas nas que Ortigueira conta con máis visitantes, ampliando as posibilidades de alcanzar novo público”, explica, Muras.

Todos os establecementos comerciais ou empresas censadas en Ortigueira, socios de ACO ou asociacións do Concello poderán participar no mercado. Co obxectivo de facilitar a súa instalación neste, a montaxe dos postos e as súas infraestruturas correrán a cargo do Concello.

Muras sinala que “con estas iniciativas queremos dinamizar a economía do noso municipio e convertelo nun punto de referencia para comercio e hostalaría e no que as empresas queiran seguir asentándose”.

O Concello organizará durante as mañás de mercado concertos musicais a cargo de agrupacións locais. Polo momento, avanza que contará coa participación da Escola de Gaitas e a Banda de Música, entre outras por confirmar. Dentro das actividades de dinamización na zona, tamén figura a colocación de inchables para diversión de nenos e nenas.

Prazo de presentación

O prazo finalizará o vindeiro martes 12 de abril e as empresas e negocios interesados en apuntarse á feira poderán facelo presentando a solicitude do anexo das bases en calquera rexistro do Concello ou, en caso de ser socio de ACO, a través desta entidade.

Acceso ás bases do mercado nesta ligazón: https://ortigueira. sedelectronica.es/info.3

Unha aposta polo comercio e a hortelería ortigueiresas

Este mercado enmárcase na firme aposta do Concello polo comercio e a hostalería local e de proximidade, á que se suman outras iniciativas realizadas con anterioridade como o outlet organizado o verán pasado no Malecón. “O outlet foi un éxito, o que demostra que este tipo de iniciativas moven e captan ou interese dos consumidores, supoñendo unha importante oportunidade tamén para os negocios que, aínda non estando presentes non mercado, se asentan na contorna”, argumenta Muras.

O Concello tamén destinou 161.633 euros para axudas a pemes e persoas autónomas para paliar os efectos económicos provocados pola crise da covid-19. Fíxoo a través de tres liñas de subvención: dúas convocatorias realizadas con orzamento municipal e outra a través do PEL-Reactiva da Deputación da Coruña. Os importes beneficiaron a un total de 113 establecementos.

Back to top