Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira acolle dous cursos de benestar social: un de “mobilización e hixiene postural’ e outro de ‘Manexo de estrés e a ansiedade’

• O relacionado coa mobilización e a hixiene postural terá lugar o día 23 de setembro, mentres que o de manexo de estrés e ansiedade celebrarase o día 27
• As prazas están limitadas a 15 e a inscrición pode realizarse a través da plataforma da Escola Galega de Saúde para Cidadáns

 

O Concello de Ortigueira acollerá a finais deste mes dous cursos de benestar social organizados pola Escola Galega de Saúde Para Cidadáns, que están coordinados polo persoal do CIM municipal.

O Curso de mobilización e hixiene postural terá lugar o venres 23 de setembro, en horario de 17h a 21h, no Centro de Formación do Concello de Ortigueira. Ten como obxectivos mellorar a comprensión da enfermidade, proporcionar os coñecementos necesarios para mellorar a calidade de vida no ámbito familiar e fomentar a autonomía a todos os membros da devandita familia.

Está dirixido a pacientes, familiares e persoas coidadoras de persoas dependentes e o encargado de impartilo será Enrique del Arco Herrero, Licenciado en Farmacia e Técnico de prevención de riscos.

O Curso de Manexo de estrés e a ansiedade celebrarase o martes 27 de setembro, en horario de 16:30 a 20:30h, no Centro de participación social San Roque. Pretende dotar de coñecementos para aprender a xestionar as emocións, conseguir un manexo adecuado do estrés e a ansiedade, así como tamén lograr unha boa adaptación a un cambio significativo de tipo vital, como unha enfermidade, un duelo, etc.

Vai dirixido á cidadanía en xeral e será impartido por Jenifer Souto Pérez, enfermeira educadora e psicóloga.

Ambos os cursos teñen as súas prazas limitadas a 15, con cinco ocos de reserva. As inscricións poden formalizarse a través da plataforma da Escola Galega de Saúde para Cidadánas.

Back to top