Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ‘patio violeta’ de Ortigueira, un espazo para a igualdade, a coeducación e a prevención da violencia machista

  • O Concello acaba de inaugurar este punto no patio central da biblioteca municipal Juan Fernández Latorre, que conta con libros, vídeos e DVDs coa muller como protagonista ou autora.
  • Juan Penabad Muras sinalou que o lugar “contribúe á coeducación, vital para construír unha sociedade igualitaria e para dar a coñecer a referentes femininas en todos os eidos”.
  • A edil de Igualdade, María Lamelas, incidiu en que o lugar tamén se dedica á “á eliminación dos estereotipos e roles de xénero para fomentar relacións igualitarias e visibilizar a diversidade”.

Ortigueira inaugura un ‘patio violeta’ na biblioteca municipal Juan Fernández Latorre. Un espazo promovido polas Concellerías de Igualdade e Cultura e o Centro de Información á Muller (CIM) no que se poden atopar unha selección de libros, vídeos e DVDs relacionados coa igualdade, a sensibilización e a prevención da violencia de xénero.

Ao acto de presentación deste novo espazo feminista acudiu o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, a concelleira de Igualdade, María Lamelas, e o concelleiro de Cultura, Juan Cao. No evento tamén participou o equipo do CIM de Ortigueira e da biblioteca.

Muras destacou no encontro que o lugar “contribúe á coeducación dos máis pequenos e pequenas, vital para construír unha sociedade igualitaria”. Tamén se referiu á utilidade do proxecto “para dar a coñecer referentes femininas en todos os eidos”.

Pola súa banda, a edil de Igualdade, María Lamelas, sinalou que “o patio está dedicado á visibilización das mulleres na historia como protagonistas ou como autoras, á prevención da violencia de xénero e á eliminación dos estereotipos e roles de xénero, fomentando relacións igualitarias e visibilizando a diversidade familiar ou a identidade e orientación sexual”.

O espazo sitúase no patio central das instalacións e conta cunha selección de libros, vídeos e DVDs relacionados coa igualdade co obxectivo de visibilizar a creadoras e mulleres que fixeron historia.

O concelleiro de Cultura, Juan Cao, informou de que a colaboración entre o departamento de Cultura e Igualdade municipais forma parte “das liñas estratéxicas da área de concienciación municipal do IV Plan de Igualdade de Ortigueira, que agora configura un espazo para a veciñanza, onde esta atopará unha amplitude de temáticas relacionadas coa igualdade. Aínda nos queda moito por facer, pero seguimos avanzando”.

A iniciativa nace da colaboración da Biblioteca municipal e o CIM de Ortigueira e é financiado a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Back to top