Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Habaneras e IX a Carreira Popular de Ortigueira modifican o tráfico rodado esta fin de semana

A celebración do Festival Habaneras 2023 e da IX Carreira Popular entre este venres 4 de agosto e o domingo 6 modifican o tráfico rodado de Ortigueira. O Concello e a Policía Local concretaron o peche de varias rúas para vehículos para favorecer as execucións dos eventos cultural e deportivo do mellor xeito posible.

Por unha banda, desde o venres ás 16:30 horas e ata o domingo (hora por determinar, en función dos traballos de recollida do escenario), a Rúa Luciano Pita (O Cantón) permanecerá pechada ao tráfico.

A maiores, a celebración da Carreira Popular o domingo día 6 de agosto provocará tamén varios peches para vehículos nos viais. Entre as 10:00 e as 11:00 horas (o horario poderíase ampliar en función do xeito de transcurrir do evento), a Travesía estará pechada. Concretamente, esta limitación afectará á Avenida Escola de Gaitas e á Avenida da Penela. Mentres, ao longo da mañá do domingo, varias rúas do centro do municipio sufrirán peches puntuais en función da modalidade de carreira que se estea a disputar.

Desde o Concello de Ortigueira rógase comprensión sobre estas modificacións no tráfico rodado, que se executarán para que tanto a veciñanza como os visitantes poidan desfrutar dunha fin de semana chea de cultura e deporte na nosa localidade.

Back to top