Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O novo goberno atopa as contas de Ortigueira cun saldo inferior a 3.000 euros e unha débeda de casi 2 millóns

O Concello de Ortigueira conta con menos de 3.000 euros de saldo nas súas contas para facer fronte aos gastos en todo o que resta de 2023. Esa é unha das realidades que o novo executivo municipal encontrou na súa chegada ao goberno local.

O alcalde, Valentín Calvín, solicitou ao servizo de Intervención nos seus primeiros días no cargo un informe de auditoría. Remitido o pasado 30 de xullo, dito informe reflexa que a data 17 de xullo, as arcas municipais tiñan un saldo de 2.811,93 euros. É dicir, “o orzamento encóntrase totalmente esgotado”.

Deste modo, o Concello de Ortigueira tería que incorrer nun gasto adquirido indebidamente para calquera tipo de pago que teña que executar ata o 31 de decembro de 2023, incluso aínda que sexa tan básico coma o suministro de enerxía eléctrica, a reparación dunha farola ou a simple adquisición dun bolígrafo.

Para que non se dea esta situación, o goberno municipal destaca que buscará a “adopción de acordos” co resto de grupos con representación no Concello para “efectuar as pertinentes modificacións do orzamento”. O obxectivo do executivo local pasa non só por “regularizar a situación”, senón por “facer fronte ás distintas obligacións contraídas pola anterior corporación, aínda sin a existencia de orzamento na maioría dos casos desde o mes de marzo do 2023”.

Unha débeda de casi dous millóns de euros

E é que estas obligacións de pago xa adquiridas previamente á chegada do novo goberno contribuirán a aumentar a débeda municipal coas distintas administracións, que a mediados de xuño era de 1.661.523,67 millóns de euros. A esta cantidade súmanselle 311.782,53 euros que proceden da relación de “facturas xa conformadas, pero sen crédito”.

É dicir, a débeda real do Concello de Ortigueira apenas uns días despois da toma de posesión da nova corporación municipal era de 1.973.306,30. Ou o que é o mesmo, casi 2 millóns de euros aos que tamén habería que engadir as “diversas facturas sen conformar para proceder ao seu abono ao finalizar o procedemento preceptivo”.

“Con esta petición de auditoría aos servicios municipais de Intervención e a súa comunicación pública, desde o goberno municipal queremos potenciar a transparencia administrativa que nesta corporación temos como unha das nosas máximas. A cidadanía debe coñecer fidedignamente a situación real das contas municipais”, explica o alcalde, Valentín Calvín.

Back to top