Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO PON EN MARCHA O CERTAME “ORTIGUEIRA A BOCADOS” PARA PROMOCIONAR A HOSTALERÍA DA VILA

A Concellería de Turismo de Ortigueira organiza as dúas primeiras fins de semana do mes de marzo o certame “Ortigueira a bocados”, unha iniciativa destinada a promover e potenciar o sector hostaleiro na vila, así como a restauración, o turismo e a economía local.

Os establecementos interesados en participar poden facer a súa inscrición gratuítamente cubrindo unha ficha que solicitarán no enderezo de correo electrónico turismo@concellodeortigueira.com. O prazo está aberto desde venres 1 de febreiro ata o día 8 do mesmo mes e poderán presentar unha tapa doce ou salgada elaborada con produtos locais e que terán que poñer á venda ao prezo de 1 euro. Ademais, deberán enviar ao mesmo enderezo unha fotografía do seu prato e ceder os dereitos de imaxe. As tapas terán que se servir os días 1, 2, 3, 8, 9 e 10 de marzo, respectando un horario mínimo de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas, en función tamén dos horarios de apertura dos negocios participantes.

O Concello distribuirá entre os locais material de difusión do certame así como unha urna e papeletas para a votación. Haberá dous tipos de premios, un concedido polo público en función das votacións en urna -as papeletas terán que contar con selos de sete establecementos para ser válidas-, e outro que decidirá un xurado composto por tres persoas nomeadas polo Concello e que valorarán a presentación, sabor e elaboración con entre 1 e 5 puntos.

“Ortigueira a bocados” decidirase o día 13 de marzo e tanto o gañador do premio do público como o do xurado recibirán 100 euros en metálico e un trofeo. Entre os clientes que depositen os seus votos correctamente selados sortearase un vale de 60 euros para un xantar ou unha cea nalgún dos establecementos participantes.

Pode descargar as bases do concurso na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Bases “Ortigueira a bocados 2019”

Back to top