Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello e a Asociación Terras do Ortegal estudan vías de colaboración para protexer o legado de Narciso Luaces

  • Nun encontro entre o alcalde de Ortigueira, o concelleiro de Cultura e membros da directiva da entidade, tratáronse asuntos como o acto de presentación do catálogo do Museo de Meixido, no que colaboraron ambas as institucións e a Deputación.
  • Muras mostrou o seu agradecemento á Asociación “pola asesoría que ofrecen e a vontade de colaboración na creación de estratexias que contribúan a conservar o patrimonio cultural da comarca”.

Juan Penabad Muras, alcalde de Ortigueira, e Juan Cao, concelleiro de Cultura, reuníronse esta semana con Vanesa Trevín e Xosé María Torres, membros da directiva da Asociación Terras do Ortegal, para analizar temas referentes ao legado de Narciso Luaces, fundador do Museo Etnográfico de Meixido.

A entidade, a través do seu departamento de Amigos do Museo de Meixido, presentou ao rexedor ortigueirés un documento cunha proposta de musealización para preservar o patrimonio de Luaces. No encontro, tamén se tratou a organización do evento de presentación do catálogo do Museo de Meixido, previsto para esta primavera. Este libro foi editado polo Concello e a Asociación coa colaboración da Deputación da Coruña.

Na reunión, Muras mostrou o seu agradecemento a Terras do Ortegal “ pola asesoría que ofrece e a vontade de colaboración”. O alcalde animou “a continuar traballando e cooperando nas estratexias de protección e divulgación do patrimonio da comarca”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Juan Cao, manifestou “que desde a área da que son responsable analizaremos a proposta presentada pola entidade e continuaremos as conversas para, de forma coordinada, dar a coñecer, poñer en valor e impulsar a cultura e historia de Ortigueira”.

Back to top