O Concello dinamiza os centros sociais do municipio con talleres de memoria, cociña, informática e manualidades
O Concello segue dinamizando o municipio con múltiples actividades culturais, turísticas e formativas ás que se suman agora cursos de informática, manualidades, cociña e de memoria. Os centros sociais situados nas diferentes parroquias do concello serán o escenario destas clases, que darán comezo en novembro e finalizarán en decembro. “Estas aulas súmanse ás organizadas na Aula CeMIT e aos múltiples talleres formativos e actividades coas que queremos seguir ofrecendo unha programación para todas as idades que sirva para ampliar coñecementos así como, desde o plano social, para crear comunidade”, sinalou o edil de Cultura e Educación, Juan Cao.
Así pois, dentro desta programación, o Concello organiza talleres para exercitar a memoria. Estes terán lugar os martes nos centros sociais de Barbos e Ladrido, os xoves en Senra, Ponte Mera e Ortigueira e os venres en Porto de Espasante e Couzadoiro. Estes darán comezo 2 de novembro e finalizarán o 17 de decembro. A programación tamén inclúe clases de cociña, que se celebrarán os martes no local social de Mera de Arriba e os luns en Céltigos e Loiba. As aulas desta especialidade terán o seu inicio tamén o 2 de novembro e o seu final o 14 de decembro.
En canto ás clases de manualidades, estás celebraranse os mércores en Baleo, Abasteira e San Claudio e os martes en San Adrián. O comezo destas clases será o 2 de novembro e acabarán o 14 de decembro. Por último as clases de informática impartiranse do 2 de novembro ao 17 de decembro nos locais de Abasteira (luns), Baleo (luns), Ortigueira (martes), Senra (martes), Barbos (martes), Loiba (mércores), Céltigos (mércores), San Adrián (xoves), Ponte Mera (xoves) e San Claudio (xoves). As persoas interesadas en apuntarse a algunha destas iniciativas poderán facelo ata o 29 de outubro nos teléfonos do Concello 981 400 000 e 981 40 25 42 (educadora familiar).