Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira volveralle rebaixar á veciñanza o recibo de recollida de residuos

  • A administración local cumpre, por terceiro ano consecutivo, as condicións de Sogama para obter unha bonificación na factura.
  • No ano 2021 efectuouse unha rebaixa de 3,8 %, no 2022 un 4% e neste ano prevese un aforro do 5%
  • Os requisitos son promocionar a redución de residuos e/ou incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros e ter implantada, antes de que finalice o ano, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do quinto contedor de cor marrón

O Concello de Ortigueira rebaixará, por terceiro ano consecutivo, o recibo de recollida de residuos á veciñanza do municipio tras cumprir outro ano máis coas condicións de Sogama, entidade pública para o tratamento de residuos, para obter unha bonificación na factura.

No ano 2021, o Concello de Ortigueira, modificou a ordenanza fiscal que regulaba a taxa pola prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos para incluír unha disposición adicional e poder así optar ás bonificacións por parte de Sogama, co obxectivo de repercutilas nos recibos dos usuarios e usuarias do servizo, obrigados ao pago da taxa regulada, vinculada ao número de toneladas de residuos tratadas na entidade autonómica.

Así, no ano 2021 o aforro estimado para o Concello pola aplicación da bonificación ascendeu a 16.765 euros, equivalente ao 3,8% do total do padrón, o que acaba supoñendo un aforro do 4% de cada recibo. Isto aplicouse no segundo semestre dese exercicio.

No ano 2022 o aforro estimado foi de 15.884 euros, o que supuxo novamente unha dedución do 4% de cada recibo dos usuarios, aplicándose en ambos os recibos do exercicio.

Para o ano 2023 estímase un aforro de 23.925 euros, o que supoñerá un aforro do 5% da cota anual, que se aplicará tamén a ambos os recibos deste exercicio.

Para poder acollerse a este canon, o Concello de Ortigueira ten que cumprir dous requisitos indispensables: a promoción da redución de residuos e/ou incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros, ademais de ter implantada, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do quinto contedor de cor marrón.

Segundo apunta o alcalde, Juan Penabad, “desde ou Concello de Ortigueira apostamos decididamente polas políticas de promoción da reciclaxe, da reutilización e da redución de residuos, e se coa execución deste tipo de accións conseguimos unha rebaixa do recibo do lixo para a nosa veciñanza a estratexia sae redonda”.

O rexedor confirmou que “desde o noso equipo de goberno estamos a traballar para acadar os requisitos impostos por Sogama antes do 31 de decembro deste ano e que os nosos veciños e veciñas poidan seguir mantendo a redución na factura nos próximos exercicios”.

Back to top