Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira renova a Aula Municipal de Informática coa adquisición de máis dunha decena de equipos

A inversión, executada a través das concellerías de Educación e Promoción Económica, supera os 6.000 euros para modernizarhas instalacións que levaban sen actualizarse desde o ano 2011.

O Concello de Ortigueira completou a renovación do equipamento da antiga aula de informática da Deputación da Coruña, unha instalación que pasa a integrarse plenamente na estrutura municipal tras o fin do financiamento provincial. A actuación permitiu dotalo espazo con máis dunha decena de ordenadores, cun investimento total que rolda os 6.400 euros.

Con este movemento, a administración local garante a continuidade do servizo e impulsa a oferta de cursos e obradoiros impartidos en colaboración coa rede de Aulas CeMIT, un espazo dinámico e cuxas actividades son moi concorridas no municipio.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel Rego, destacou o impacto deste desembolso na formación e capacitación do tecido local, sinalando que “a actualización tecnolóxica do espazo era unha demanda prioritaria para ofrecer programas formativos acordes ás esixencias dixitais actuais e mellorar a empregabilidade da veñanza”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Ana Cartelle, subliñou o compromiso do Goberno municipal coa continuidade do servizo educativo a pesar dos cambios no financiamento. A edil remarcou que o Concello “asume a xestión directa da aula para evitar a perda dun recurso fundamental que levaba máis dunha década sen recibir material novo”, asegurando así que tanto escolares como adultos dispoñan de ferramentas informáticas modernas e funcionais.

Back to top