O Concello de Ortigueira pon en marcha o proxecto “Birding Ortegal”
As concelleiras Ana Cartelle e Isabel Rego asistiron onte ao acto inaugural da mostra itinerante desta iniciativa, financiada integramente pola Consellería do Mar a través do GALP.
O Concello de Ortigueira deu o pistoletazo de saída ao proxecto de divulgación ambiental “Birding Ortegal” tras obter a resolución favorable da Consellería do Mar para a concesión dunha axuda autonómica. A iniciativa enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP 1 A Mariña – Ortegal e conta co 100 % de financiamento público cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), alcanzando unha inversión total de 49.005 euros.
Na xornada de onte quedou oficialmente inaugurada a exposición exterior sobre a biodiversidade da franxa costeira, nun acto que contou coa presenza das concelleiras de Cultura, Ana Cartelle, e Promoción Económica, Isabel Rego. Esta mostra itinerante está integrada por oito paneis divulgativos equipados con códigos QR para ampliar información sobre as especies, hábitos e valores ornitolóxicos da ría de Ortigueira e Ladrido. A instalación permanecerá en localizacións chave do municipio para achegar este patrimonio natural a veciños e visitantes.
Ademais da exposición, o proxecto inclúe a creación dunha unidade didáctica dixital especialmente adaptada ao currículo do terceiro ciclo de Educación Primaria. Este soporte pedagóxico con actividades interactivas e contidos sobre as aves locais aloxarase na web municipal e servirá de base conceptual para o futuro Centro de Interpretación das Aves do municipio.
O plan de traballo manterá o foco nestes instrumentos divulgativos dixitais e itinerantes, ademais de levar a cabo saídas de campo escolares.