Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA CONVOCA NOVAS ACTIVIDADES DEPORTIVAS QUE DARÁN COMEZO O 1 DE NOVEMBRO

O Concello de Ortigueira vén de convocar novas actividades deportivas para os vindeiros meses destinadas a persoas de todas as idades. En concreto impartiranse ximnasia rítmica, baloncesto, patinaxe, pádel, xadrez, natación, taichí e ximnasia, a partir do día 1 de novembro.

No polideportivo municipal desenvolveranse as disicplinas de ximnasia rítmica (luns, de 16.10 a 18.10 horas), baloncesto (martes, tamén de 16.10 a 18.10), patinaxe (os venres para persoas desde 4 anos e no mesmo horario que as anteriores) e taichí (os xoves, de 19.00 a 20.00 horas, en colaboración coa asociación Entre Dous Cabos e para persoas a partir dos 14 anos).

O pádel será na pista cuberta dedicada a este deporte e haberá que ter unha idade mínima de 8 anos, con varias posibilidades de elección de horarios.

As actividades de natación, a partir dos dous anos e que terán lugar na piscina municipal, serán de luns a venres ás 16.30, 18.15 e 18.00, segundo os niveis, para os nenos e nenas. Os adultos terán reservados os horarios de 10.00, 20.30 e 21.15 horas, tamén de luns a venres.

O xadrez terá lugar os luns de 17.00 a 20.00 horas no centro social da Alameda e a idade mínima será de 5 anos.

Por último, a ximnasia nas parroquias será os martes en San Adrián, Ponte Mera e San Claudio; os mércores en Couzadoiro, Barbos e Baleo; os xoves en Porto de Espasante, Espasante e Loiba; e os venres na parroquia de Senra.

As inscricións teranse que entregar na piscina municipal e son para toda a tempada, aínda que os pagos se realizarán mensualmente. Establécense descontos por razóns económicas ou a partir do segundo membro da unidade familiar. As escolas de ximnasia rítmica, baloncesto, patinaxe, pádel e xadrez teñen un custo de 9 euros ao mes; na piscina pagarán 5,81 euros semanais os abonados e 11,60 os non abonados (3,17 e 6,33 euros respectivamente no caso das persoas da terceira idade) e o resto das actividades son gratuítas temporalmente.

Obras na piscina

Por outra banda, xa están instalados os tres novos depósitos de aceiro inxodable para auga quente da piscina, unha obra que era necesaria para substituir os anteriores, que databan da época da construción das instalacións, hai trece anos. Nestes momentos estase a colocar unha nova máquina deshumectadora-calefactora, de alta eficiencia, que garante unha redución nos consumos, a estabilidade da temperatura e a humidade do vaso, así como o gasto enerxético. Estas obras están subvencionadas pola Deputación dentro do PAS 2015.

Á marxe desta axuda económica, estase a traballar na instalación de válvulas mesturadoras para os vestiarios e na nova sinalización das instalacións. O obxectivo de todas estas intervencións, que está previsto que rematen para poder volver a abrilas o 22 de outubro, e renovar unha piscina construída hai 13 anos e que “arrastra un deterioro ocasionado polo mal mantemento das empresas concesionarias da mesma nas súas orixes”. Na actualidade está xestionada directamente polo Concello, coa colaboración dalgunha empresa que traballa na prestación de servizos.

Back to top