Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello adhírese ao convenio para o financiamento do GES durante o 2022

  • O pleno da Corporación local aprobou por unanimidade a adhesión ao tratado subscrito entre a Xunta, a Fegamp e as Deputacións da Coruña e Lugo.
  • Juan Penabad Muras salientou que o Consistorio trasladou á Xunta a petición dun camión motobomba forestal para que o equipo de emerxencias conte cos medios necesarios para atender a toda a comarca dada “a súa gran superficie forestal no noso concello e nos limítrofes”.

O pleno do Concello de Ortigueira aprobou por unanimidade a adhesión do municipio ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as Deputacións da Coruña e Lugo para o desenvolvemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Na sesión, celebrada na tarde de onte, tamén se deu luz verde por unanimidade a un plan de medidas antifraude en relación aos procedementos financiados con fondos europeos procedentes do Mecanismo para a Recuperacion e a Resiliencia (MRR).

Así pois, o Concello aprobou a súa adhesión ao convenio para o financiamento do GES durante o 2022. Na súa intervención, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, manifestou que “este acordo, aínda que pode ser mellorable, é moi beneficioso para a veciñanza, xa que mantén o funcionamento do GES, que presta un importante servizo a toda a cidadanía”.

O equipo de goberno local trasladou á Xunta a petición dun novo camión motobomba forestal para que o equipo, que atende a toda a comarca, conte cos medios necesarios para actuar con máxima eficiencia e rapidez. “Os vehículos dos que dispoñen agora xa contan con bastantes anos de uso, polo que consideramos esencial un novo para atender a toda a comarca dada a súa gran superficie forestal”, argumentou o rexedor ortigueirés.

Pola outra banda, atendendo á normativa vixente para poder acceder ás axudas convocadas polo Estado e a Xunta, financiadas con fondos europeos do MRR, a Corporación municipal aprobou por unanimidade un plan de medidas e actuacións antifraude a seguir desde o municipio.

Axudas á transición ecolóxica
Na sesión plenaria, Primeiro Ortigueira presentou unha moción instando o grupo de goberno a convocar unha xunta de portavoces para acordar os proxectos que se presenten ás convocatorias do Ministerio de Transición Ecolóxica. Penabad Muras manifestou o seu compromiso con levar a cabo esta reunión e indicou que desde o equipo de goberno local “ xa estamos a preparar as iniciativas e, por suposto, teremos en conta as propostas que nos faga a oposición e acordaremos aquelas actuacións cuxa aprobación sexa competencia do Pleno”.

Back to top