Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE DE ORTIGUEIRA VOLVE A INSISTIR NA NECESIDADE DE CUMPRIR AS NORMAS NUNHA SITUACIÓN NA QUE A VILA SUPERA OS 20 POSITIVOS POR COVID-19 E A XUNTA PUBLICARÁ MEDIDAS ESPECIAIS PARA O CONCELLO

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, califica de “grave e preocupante” a situación que se está vivindo no municipio como consecuencia da incidencia da Covid19, que afecta xa a máis dunha vintena de persoas. A preocupación é aínda máis grave debido ao número de veciños e veciñas que se están poñendo en contacto co centro de saúde con síntomas que se poden corresponder coa enfermidade.

Neste estado de cousas, a Consellería de Sanidade vai tomar medidas que se concretarán no Diario Oficial de Galicia posiblemente esta mesma tarde e que serán oficiais unha vez que estean publicadas. Mentres tanto, Muras insiste en que se cumpra con todas as normas de seguridade: respectar o número máximo de persoas que poden estar nun local e o horario de peche; manter a distancia de seguridade e a hixiene de mans; evitar reunións familiares ou de amigos con más de 10 persoas non convivientes e utilizar sempre a máscara. E aínda que envía unha mensaxe de tranquilidade, recalca que a situación é moi seria.

No ámbito educativo, o colexio José María Lage rexistrou un positivo entre o alumnado, polo que o resto de estudantes da aula está xa nas súas casas, utilizando a máscara e á espera de probas, seguindo o protocolo que establece a Consellería de Sanidade. E na residencia de persoas maiores están restrinxidas as saídas ao exterior dos internos e as visitas dos seus familiares.

“Temos que evitar que isto se descontrole; se funcionamos como un pobo unido seguro que conseguimos reducir os contaxios en 10 ou 15 días, pero hai que ser moi responsables”, di o alcalde. A Policía Local e a Garda Civil intensificarán os controles para evitar incumprimentos pero, como insiste Muras, cada un ten que cumprir coas normas de precaución individualmente, e tamén no caso dos locais nos que se atende ao público.

As medidas que tomará Sanidade para tratar de atallar os contaxios divulgaranse desde o Concello tan pronto como sexan oficiales. Á espera de que se publiquen parece que poderían pasar pola redución de aforo nos locais comerciais, de restauración, hostalería e lugares de culto ao 50%; limitar o das terrazas ao 75%; prohibir o consumo na barra dos establecementos; evitar as reunións con non convivintes que sobrepasen as dez persoas e reducir tamén a asistencia a vodas (100 persoas nun espazo exterior e 50 nun interior) e velorios e enterros (25 no exterior e 10 no interior).

Back to top