Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Feira do Mel e da Mazá e as actividades polo 25 N enchen a axenda cultural de novembro en Ortigueira

A 32ª Feira do Mel e a 6ª Feira da Mazá, xunto ás actividades conmemorativas polo día contra a violencia de xénero, copan o protagonismo da axenda cultural para o mes de novembro do Concello de Ortigueira.

O domingo 14 de novembro celebrarase, a partir das 10 horas e ata as 20 horas, a Feira do Mel e da Mazá na Alameda. Entre a oferta que poderán atopar os que ata alí se acheguen haberá postos de artesanía, degustacións, charlas ou de maquinaria agrícola entre outros moitos.

O sábado 20 de novembro, ás 19:30 horas, o Teatro da Beneficencia acollerá un concerto de Davide, Fransy & Cibrán dentro do ciclo Festival non Teatro. As entradas pódense adquirir por 4,5 euros e poderanse comprar de formar anticipada desde o martes 16 ata o venres 19 de novembro nas oficinas de Cultura de 10 a 13 horas ou a través do correo teatro@festivaldeortigueira.com.

O domingo 21 de novembro, ás 19:30 horas, haberá un concerto no Teatro da Beneficencia de ‘Honra a Santa Icía’ por parte da Banda de Música de Ortigueira. A entrada será gratuíta.

En canto a exposicións, na Sala de Exposicións do Concello estará durante todo o mes a mostra ‘Julio Dávila. 150 aniversario’, que se poderá visitar de luns a venres de 10 a 14 horas.

 

Mes contra a violencia de xénero

Durante todo este de mes de novembro, no que é conmemora o 25 de novembro o día contra a violencia de xénero, programáronse diferentes actividades relacionadas con esta secuela para erradicar da sociedade, dirixidas tanto aos máis novos como para adultos.

O día 10 de novembro realizarase no IES de Ortigueira unha charla afectivo-sexual contra a LGTBIfobia, o 13 de novembro haberá un seminario de defensa persoal feminina para mulleres de entre 14 e 70 anos no pavillón do IES, o 15 de novembro o alumnado do IES participará nun taller sobre ciberdelitos de natureza sexual e, por último, o propio 25 de novembro realizarase un acto de lectura de textos e poemas relacionados a partir das 12 horas.

Ademais, no claustro da casa do concello, do 8 ao 30 de novembro, haberá unha exposición cos carteis da campaña municipal contra a violencia de xénero ‘Implícache, somos as túas veciñas’, que se poderá visitar de luns a venres de 10 a 14 horas.

Back to top