Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A aprobación do PACES garantirá unha maior eficiencia enerxética e un futuro máis verde para Ortigueira

  • O pleno municipal deu luz verde por unanimidade ao documento que constitúe a folla de ruta do Concello para loitar contra o cambio climático e diminuír as súas emisións de CO2 nun 40% para o ano 2030.
  • “Estas accións son o camiño a seguir nos próximos anos para reducir ou consumo nos edificios e renovar a iluminación de todas as parroquias adaptándoas ás necesidades actuais da poboación” explicou Juan Penabad Muras.

Ortigueira avanza cara un futuro máis verde, eficiente e resiliente coa aprobación do seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). O pleno municipal celebrado esta semana deu luz verde por unanimidade ao documento, no que se recollen as estratexias a seguir para mellorar a eficiencia enerxética e diminuír as emisións de CO2 en, polo menos, un 40% para o ano 2030.

“Esta iniciativa permitirá analizar en profundidade a eficiencia enerxética das instalacións e maquinaria municipal, así como estudar proxectos que permitan fomentar a reciclaxe, a redución do consumo eléctrico e da auga e ou uso de enerxías alternativas. Todo co máximo fin de facer do noso Concello un espazo máis eficiente a nivel enerxético e respectuoso co medio ambiente dentro do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía”, sinalou o rexedor ortegano.

“A través do PACES, o Concello elaborou un inventario de emisións para obter un diagnóstico dos Gases de Efecto Invernadoiro resultantes do consumo de enerxía. Con este instrumento levarán a cabo accións para fomentar unha economía verde sostible, minimizar o consumo enerxético, implantar enerxías renovables e contribuír a frear a pobreza enerxética. Apostar por unha mobilidade sostible que implique actuacións no transporte público e privado tamén forma parte das iniciativas enmarcadas dentro do programa.

“Estas accións forman parte da nosa aposta por un municipio máis eficiente enerxeticamente, son unha folla de ruta a seguir nos próximos anos para reducir o consumo nos edificios e renovar a iluminación de todas as parroquias adaptándoas ás necesidades actuais da poboación” explicou o rexedor ortegano.

“Así faremos de Ortigueira un concello enerxeticamente máis sostible e resiliente aos efectos do cambio climático, co fin de proporcionarlle aos nosos veciños e veciñas unha mellor calidade de vida”, resaltou Penabad Muras.

O Concello financiou a auditoría técnica para a redacción do plan de acción a través dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e FEDER.

Back to top