Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Os Concertos de Santa Icía e Nadal da EMCO alcanzan récord de espectadores

  • Máis de 18.200 persoas desfrutaron da programación online da Escola de Música do Concello de Ortigueira entre o 20 de novembro e o 11 de xaneiro.
  • Usuarios e usuarias de máis de 24 países do mundo visualizaron as actuacións a través da canle de Youtube da agrupación.

A programación online ofrecida pola Escola de Música Concello de Ortigueira (EMCO) co motivo de Santa Icía e Nadal, superou os 18.200 espectadores. Usuarios e usuarias de máis de 24 países puideron gozar dos concertos dos diferentes grupos musicais desde as súas casas.

A axenda contou cun total de 14 espectáculos, que foron visualizados en países como España, México, Colombia, Perú, Estados Unidos, República Dominicana, Arxentina, Brasil, India, Arxelia, Mongolia, Turquía, Indonesia ou Exipto, segundo sinala a EMCO. A programación obtivo máis de 18.200 conexións entre o 20 de novembro e o 11 de xaneiro.

A difusión en diferido do concerto de Nadal, celebrado de forma presencial o 21 de decembro na igrexa de Santa Marta de Ortigueira, supera as 3.200 visualizacións.

O concelleiro de Cultura, Juan Cao, destacou “a forma na que a programación da Escola de Música do noso Concello se adapta, co máximo fin de chegar a todas aquelas persoas que queiran escoitar un bo concerto, mesturando a súa programación presencial coa en liña para que chegar a todos os ortigueireses e ortigueiresas, independentemente do seu lugar de residencia”, indicou.

 

Back to top