O GOBERNO LOCAL INSTA AO PP A BUSCAR NA XUNTA AS EXPLICACIÓNS POLA FALTA DE SOCORRISTAS

O Concello de Ortigueira celebrou onte un pleno a petición da oposición para abordar a falta de socorrismo nas praias de Ortigueira, no que o goberno local responsabilizou á Xunta de Galicia de ter provocado esta situación a raíz da normativa dictada no ano 2012, que limita as opcións para realizar este labor ás persoas que obteñan o certificado de profesionalidade ou a técnicos deportivos.

Desde o goberno explicouse que ata o ano 2007 realizábanse en Ortigueira cursos de socorristas en colaboración coa Cruz Roxa, unha formación que tivo que deixar de impartirse a raíz do cambio normativo. Ata o 2015, as praias dispuxeron de socorristas a través de persoal formado en anos anteriores, pero en 2016 o servizo xa foi insuficiente e non se puido cubrir na súa totalidade. “Moitas das persoas que tiñan realizados os cursos xa non estaban neste sector de actividade, e o non poder realizar os cursos impostos pola nova normativa comezou a pasar factura”, explicouse desde o goberno.

Para tentar solucionar o problema, o Concello licitou este ano o servizo para as praias de Morouzos e A Concha a través dun prego de condicións informado polos técnicos municipais e orzamentado en 60.551,61 euros, pero a contratación quedou deserta ao non presentarse ninguén.

Con estes argumentos, o goberno lembrou que a Real Federación Española de Socorrismo xa advertiu hai seis anos á Xunta de que esta nova normativa ía xerar a insuficiencia de persoas acreditadas para cubrir todas as praias de Galicia, como está a suceder. Engadiu que os requisitos que se esixen “carecen de lóxica para cubrir unha demanda que se enfronta aos baixos salarios, o curto período laboral e a longa duración e custo dos cursos”.

O goberno de Juan Penabad Muras instou ao PP a pedir á Xunta información sobre o porqué deste decreto. Anunciou ademais que esixirá ao executivo autonómico, como está a facer a Fegamp, “que arregle este desaguisado que causaron e que condena a moitos concellos a pasar o verán sen socorristas, e, o que é máis grave, obriga aos rapaces e rapazas que podían ter unha formación que lles permitira, entre outras cousas, ter un traballo durante o verán, a pagar cantidades abusivas por un curso tamén abusivo e carente de lóxica”.

Para concluír, o goberno municipal explicou que non está disposto a entrar nunha competición con outros concellos de Galicia por ver “quen empeza antes a contratar, quen paga os salarios máis altos ou quen alonga máis a tempada de verán”, porque isto significaría “convertir un servizo público do que é responsable en primeiro lugar a Xunta de Galicia, nunha mera subasta”.

Back to top