Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE LEVOU ROSCÓN DE REIS E AGASALLOS AOS USUARIOS E USUARIAS DA RESIDENCIA DE ORTIGUEIRA

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, cumpriu hoxe coa tradición de levar o roscón de Reis e os agasallos cos que cada ano o Concello obsequia á residencia de ancianos Dolores Díaz de Dávila, aínda que nas actuais circunstancias sanitarias non puido reunirse cos seus usuarios. Muras recoñeceu que botou moito de menos este encontro, que para el é especial, pero destacou que o máis importante este ano é garantir a seguridade dos e das residentes e por iso se tomaron todas as precaucións.

O alcalde levou á residencia dous roscóns artesanais recén saídos do forno da Panadaría de Devesos destinados á merenda dos usuarios e o persoal, e tamén se fixo entrega dos regalos, que consisten normalmente en produtos de hixiene persoal diferenciados para homes e mulleres e que se escollen despois de consultar coa directora cales resultan máis axeitados. “Son cousas que lles gusta ter na súa habitación”, dixo, “e que sempre agradecen moito”.

Os regalos mantivéronse nunha habitación pechada do Concello durante os días anteriores á entrega e para trasladalos á residencia seguiuse un estrito protocolo: foi unha soa persoa a encargada da súa manipulación, utilizando un traxe especial e cambiando as luvas ata tres veces.

Muras quixo destacar o excelente labor que están a desenvolver tanto a directora da residencia, Araceli, como a xerocultora, Gelo; o psicólogo David; Miranda, de Mantemento; o persoal de enfermería, Inés e todo o resto de traballadores, xa que este centro está libre de Covid-19. Tamén enviou o seu agarimo a residentes como Isabelita, Inocencio ou Alfonso “que sempre me reciben con moito cariño e que viven este día dun xeito moi especial”, un recordo que fixo extensivo ao resto de usuarios do centro.

Nas datas anteriores ás vacacións de Nadal, o alcalde visitou tamén un ano máis a residencia Aspromor, onde cada ano entrega igualmente agasallos do Concello. Nesta ocasión, ademais dos individuais leváronse tamén un proxector e unha pantalla para ver películas.

Back to top