Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MURAS TRASLADA AO SECRETARIO DE ESTADO DE MEDIO AMBIENTE A NECESIDADE DE COMPLETAR A REXENERACIÓN AMBIENTAL DE MOROUZOS

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, expresou a súa satisfacción pola boa acollida que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández, dispensou ás propostas para o municipio que lle presentou en relación con este departamento. Unha delas foi a rexeneración ambiental para o contorno da Praia de Morouzos, que viría a completar e manter o proxecto feito no seu día, que mesmo foi premiado polo Colegio Oficial de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos. Segundo explicou Muras, é moi necesario facer o mantemento deste investimento, xa que parte da madeira do paseo está en malas condicións e as árbores atópanse tamén moi descoidadas. Neste sentido considerou que no seu día plantáronse demasiadas -catro por metro cadrado- de forma que hoxe está practicamente convertido “nunha selva”. O alcalde lembrou que Morouzos é o emblema de Ortigueira e que a zona ten diversas figuras de protección (Ramsar, XEPA, Red Natura…) pola súa importancia. Hugo Morán recolleu os planos e documentación facilitados e foi moi receptivo á idea, segundo Muras.

Un segundo tema que se tratou foi a continuidade da senda peonil de Espasante ata a zona portuaria. O goberno municipal presentou no seu día unha proposta para acollerse a unha subvención e executar esta obra, pero foi rexeitada pola oposición. Agora, o secretario de Estado de Medio Ambiente falou da posibilidade de mellorar aquel proxecto e executar unha obra de maior envergadura.

Na reunión abordouse tamén da necesidade de completar o saneamento para os núcleos de poboación que aínda non o teñen. Muras dixo que as obras pendentes están entre os 250.000 e os 400.000 euros cada unha e, polo tanto, non poden ser asumidas polo Concello. Morán Fernández indicou que as competencias nesta materia son de Augas de Galicia, pero invitou ao alcalde a estar atento a posibles convocatorias de axudas por parte do seu departamento nas que poidan ter encaixe estes proxectos.

Un dos temas que máis preocupan a Muras é o dragado do porto de Espasante e na entrevista de onte puido constatar que desde Portos de Galicia non se tramitou ningunha autorización para a obra diante de Costas, como é preceptivo. Por este motivo, o alcalde de Ortigueira amosouse “ofendido” polas afirmacións que xurden de novo en período preelectoral no sentido de que se vai facer o dragado. “Non hai nada iniciado e non van facer crer aos veciños que se vai executar, o que interesa é embobar un pouquiño cerca das eleccións, pero eu estou man á man coa confraría e eles saben que non vai ser verdade”, declarou. O secretario de Estado de Medio Ambiente dixo que pola súa parte non habería ningún problema para o dragado , e mesmo un dos puntos máis conflictivos -o acopio de area- non sería al porque, segundo o representante do Goberno central, concederiase autorización para facelo nas praias nas que se necesite, ben en Espasante ou noutras zonas. Tendo en conta estas afirmacións, dixo Muras, “se houbera boa vontade poderíase acometer o proxecto”.

O alcalde aludiu ao cordón de área na zona da Barra, na entrada da ría, un depósito que está motivado polos cambios no fluxo de mareas desde que se fixo o espigón de Espasante e que necesita -insiste- atención e mantemento. Engadiu que habería que abrir unha canle cunha draga e trasladar a area a outro lugar, referíndose en concreto á posibilidade de levala á praia de Covas, en Viveiro, que ten problemas de falta dela. Esta actuación, que tamén depende da Xunta, sería -na opinión de Muras- a forma de recuperar o porto de Espasante tanto para o marisqueo como para a pesca. “Sorpréndeme que desde a Xunta digan que se vai facer cando non hai aberto expediente algún, nin hai proxecto nin autorizacións”, dixo, e apuntou que “en Laxe empezaron a traballar no 2013 e aínda no 2019 non está feito o dragado”. Neste sentido mostrouse especialmente crítico co Partido Popular. “Só teñen vontade de coller votos, son parásitos da xente humilde, da que vai gañar o seu pan todos os días”, asegurou en relación cos mariscadores e anunciou que o compromiso adquirido na reunión de onte foi que por parte do Goberno central concederán as autorizacións “ao momento, sen ningún retraso”.

Muras quixo saír tamén ao paso das afirmacións realizadas desde o PP no sentido de que en Portos de Galicia non constan peticións relacionadas con Ortigueira para este organismo. “As peticións do dragado son xa da época de Antonio Campos e ata o levamos ao Parlamento”, destacou, ao tempo que engadiu que na súa visita a Portos de Galicia non o atenderon nin o director nin o presidente pero estivo co directivo Ramón Talín durante case dúas horas. Lamentou tamén que desde esta institución non se atendan outras peticións como o arranxo do pavimento do porto de Ortigueira ou as deficiencias no alumeado provocado porque a parte de ferro das farolas está oxidada por estar á beira do mar e rebenta o cemento.

Na reunión estiveron presentes tamén a subdelegada do Goberno en A Coruña, Pilar López-Rioboo; a directora xeral de Sostenibilidad de la Costa y del Mar, Ana María Oñoro Valenciano; o subdirector xeral para a Protección da Costa, Ángel Muñoz Cubillo, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil Apenela.

O alcalde destacou o trato recibido por parte do secretario de Estado de Medio Ambiente, “que sabía perfectamente os problemas que temos porque el tamén foi alcalde dun concello asturiano con moitos quilómetros de superficie e sabe que non hai cartos para poder facer todo o que se necesita”.

Back to top